luns, Maio 15, 2023

Modificacións no Real decreto 486/1997 sobre lugares de traballo: condicións ambientais no traballo ao aire libre

A clara evidencia dos efectos do cambio climático, en particular en España, trae consigo un aumento xeral das temperaturas e cambios cada vez máis extremos como sinalou reiteradamente o Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático. Como exemplo, o pasado mes de xullo rexistráronse en diversos puntos da península incrementos anómalos das temperaturas medias superiores aos 4ºC. Este fenómeno non se pode concibir como un feito illado, senón como unha tendencia crecente que levará a que estes escenarios se reproduzan cada vez con máis frecuencia.

No ámbito laboral as persoas se atopan nunha especial vulnerabilidade xa que a exposición aos fenómenos meteorolóxicos adversos pode resultar ineludible, a non ser que a protección fronte a eles estea adecuadamente garantida por unha normativa preventiva eficaz.

Por iso, e co fin de garantir a protección das persoas traballadoras neste novo contexto, modificouse o Real Decreto 486/1997, do 14 de abril, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo, engadindo unha disposición adicional única relativa a “Condicións ambientais no traballo ao aire libre” que establece a obriga de prever medidas adecuadas fronte a riscos relacionados con fenómenos meteorolóxicos adversos, incluída a prohibición de desenvolver determinadas tarefas durante as horas do día nas que estes concorran, e tamén a obriga de adaptar as condicións de traballo, incluíndo a redución ou modificación das horas de desenvolvemento da xornada prevista, cando a Axencia Estatal de Meteoroloxía ou Meteogalicia, emita aviso de fenómenos de nivel laranxa ou vermello e as medidas preventivas anteriores non garantan a protección das persoas traballadoras.

A disposición enmárcase no desenvolvemento da recente Estratexia Española de Seguridade e Saúde 2023-2027 e os Obxectivos de Desenvolvemento sostible da Axenda 2030, relacionados cos efectos do cambio climático, e como non podía ser doutro xeito, na futura Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2023-2027, que a Xunta deseña cos axentes sociais, na que tamén se contemplan liñas de actuación de cara a afrontar os riscos laborais derivados dos cambios ambientais.

Ligazón á norma modificada