Novas

Luns, Xullo 15, 2013

Máis de 3.300 persoas beneficiáronse das accións formativas postas en marcha polo Issga ata maio

  • O instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) celebrou o pasado 10 de xullo a súa Comisión de Goberno na que a súa directora, Adela Quinzá-Torroja, deu conta dos resultados acadados por ditas iniciativas
  • En concreto, neste período desenvolvéronse 13 das 24 xornadas técnicas programadas polo Instituto para este ano con máis de 1.200 beneficiarios
  • Máis de 500 persoas participaron nos cursos básicos presenciais e da Aula Virtual
  • O Issga colaborou en 32 accións formativas con outras entidades para 1.500 persoas
  • Estas iniciativas complétanse con formación para os traballadores do Instituto, a través do desenvolvemento de seminarios, cursos e congresos

Máis de 3.300 persoas beneficiáronse das accións formativas desenvolvidas polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) da Consellería de Trabalo e Benestar entre xaneiro e maio.

O instituto celebrou o pasado 10 de xullo a súa Comisión de Goberno na que a súa directora, Adela Quinzá-Torroja, deu conta, entre outros asuntos, dos resultados acadados por ditas accións, que permiten tanto a actualización de coñecementos como a divulgación do saber preventivo.

En concreto, ata maio desenvolvéronse 13 das 24 xornadas técnicas programadas polo Instituto para este ano. As mesmas favorecen a actualización permanente dos participantes en canto á nova normativa, procesos produtivos ou a introdución de novas tecnoloxías, para adecualos ao progreso tecnolóxico, científico e lexislativo. Estas actividades tiveron máis de 1.200 beneficiarios.

Os cursos básicos de formación divídense en presenciais, que se desenvolven nos catro centros do ISSGA, e os da aula virtual, a través de Internet. No primeiro caso, celebráronse seis cursos ata maio con 250 beneficiarios; e, no segundo, 3 iniciativas para 330 persoas.

Outro dos eixos importantes do ISSGA no referente a formación é a colaboración en actividades formativas coas entidades implicadas na prevención de riscos. Nos catro primeiros meses do ano tiveron lugar 32 accións para 1.500 persoas.

Por último, Quinzá-Torroja indicou que a actualización dos coñecementos e a adquisición de novas cualificacións en materia de prevención de riscos laborais dos técnicos do ISSGA fai imprescindible establecer un programa de formación interna mediante a súa asistencia a xornadas técnicas, seminarios, cursos e congresos. Por iso, ata maio celebráronse dúas accións para 67 traballadores do centro.