Novas

Venres, Febreiro 17, 2012

Máis de 2.500 persoas formaranse en 28 xornadas técnicas organizadas polo Issga ao longo do 2012

Máis de 2.500 persoas formaranse en 28 xornadas técnicas organizadas polo Issga ao longo do 2012

A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe en rolda de prensa as actividades formativas do Instituto para 2012

En 2012 están programadas 28 xornadas técnicas e 12 cursos presenciais, ademais doutros específicos na Aula Virtual en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude ou a Consellería de Medio Rural e do Mar

Un total de 2.390 persoas participaron nas 26 xornadas técnicas organizadas polo ISSGA en 2011 e formouse a case 500 persoas nos cursos básicos presenciais, así como a outras 500 na Aula Virtual.

O programa formativo ten como destinatarios empresarios, traballadores autónomos ou por conta allea, traballadores designados e delegados de prevención

Santiago, 17 de febreiro de 2012.- Máis de 2.500 persoas poderán formarse en 28 xornadas técnicas programadas polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, para 2012, que abarcan as distintas especialidades preventivas (seguridade, hixiene, ergonomía e psicoloxía, e medicina no traballo), das cales 9 serán no centro da Coruña, 7 no de Ourense e 6 nos de Lugo e Pontevedra.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe en rolda de prensa as actividades formativas previstas para 2012 polo Instituto e fixo balance das de 2011. Entre as que se desenvolverán este ano, destaca a que se dedicará á prevención e seguridade no sector forestal, que completa o programa específico para este sector que se presentará proximamente; a dedicada ao risco ergonómico; a presentación en Galicia das guías técnicas de construción e simplificación documental; ou á integración do xénero na prevención de riscos laborais.

Ademais, este ano terán lugar 12 cursos nos catro centros provinciais dirixidos a empresarios, traballadores autónomos ou por conta allea, traballadores designados e delegados de prevención.

Adela Quinzá-Torroja engadiu que a Aula Virtual do ISSGA imparte en liña varias edicións do curso básico de prevención de riscos laborais de 50 horas, que corresponde ao contido mínimo do programa de formación para o desenvolvemento das funcións de nivel básico, engadindo 10 horas máis cun módulo sobre prevención de riscos laborais desde a perspectiva de xénero.

Segundo explicou a directora, este ano faranse cursos específicos en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude para monitores de tempo libre; coa Consellería de Medio Rural e do Mar e os sindicatos agrarios sobre contidos específicos en actividades formativas para docentes; coa Administración Local para achegar a prevención os responsables municipais ou coa Academia Galega de Seguridade para impartir formación en materia policial.

Preto de 2.400 beneficiarios en 2011
En canto ao 2011, un total de 2.390 persoas participaron nas 26 xornadas técnicas organizadas polo ISSGA o ano pasado. Ademais, formouse a case 500 persoas nos cursos básicos presenciais e a outras 500 nos cursos da Aula Virtual.

Así mesmo, o ISSGA colaborou en 2011 con 91 entidades (Administración, sindicatos, empresarios, mutuas, universidades e outras asociacións) para o desenvolvemento de actividades formativas nas que participaron preto de 5.000 persoas, co obxectivo de “continuar a ser un referente na difusión do coñecemento en materia preventiva, con diversas accións formativas que tiveron lugar nos nosos centros ou na sede destas entidades, converténdose en focos de transmisión de saber preventivo”, segundo indicou a directora do ISSGA.

O Instituto, que ten encomendada a execución e a coordinación das políticas dos poderes públicos en materia de prevención de riscos laborais, ten atribuídas funcións de asesoramento técnico, información e formación na materia preventiva.

A importancia deste cometido ponse de manifesto na Estratexia de Prevención de Riscos Laborais Galicia 2011-2014, con referencias á formación en catro dos seus obxectivos, como un dos instrumentos para a promoción dun mellor e máis eficaz cumprimento normativo e para o incremento da calidade e da eficacia dos sistemas de prevención nas empresas.

Neste contexto, o Plan de actividades do ISSGA ten un epígrafe no que se recollen as súas actuacións en materia de formación, que forman parte da actividade do organismo, con tendencia a un permanente incremento do nivel técnico-científico e da calidade, tanto das publicacións, cursos e xornadas, coma da formación interna dos técnicos propios. Pola súa banda, Adela Quinzá-Torroja valorou que “a sensibilización de colectivos concretos ou máis xenérica é imprescindible para instaurar unha cultura real da prevención”.

Deste xeito, as xornadas técnicas que se imparten nos catro centros provinciais do ISSGA por profesionais cunha alta cualificación na materia, tanto do propio Instituto como doutras entidades autonómicas e nacionais, dan resposta aos cambios permanentes das actividades e procesos produtivos, á introdución de tecnoloxías novas e á promulgación de nova normativa que fai precisa a actualización permanente de coñecementos no eido da prevención de riscos laborais para adecualos ao progreso tecnolóxico, científico e lexislativo.