mércores, Xuño 29, 2022

Lorenzana destaca a atención prioritaria do traballo técnico da Xunta para a prevención da sinistralidade laboral nos sectores forestal, construción e servizos

  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, defendeu hoxe no Parlamento de Galicia a política decidida que a Xunta desprega, no marco das súas competencias, co obxectivo de reducir os accidentes laborais
  • Lembrou que Galicia e Cantabria están a representar ás comunidades españolas na elaboración da futura estratexia estatal en prevención de riscos que permitirá actualizar a autonómica para dar resposta, entre outros, aos perigos emerxentes

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2022. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor, durante a súa comparecencia no pleno do Parlamento de Galicia, as actuacións de prevención da sinistralidade laboral que a Xunta está a despregar co forestal, a construción e os servizos, como sectores de atención prioritaria.

“Non debemos esquecer que hai un traballo técnico rigoroso e vixiante das tendencias e outros indicadores de sinistralidade para poder trazar unha actuación adecuada”, defendeu a conselleira, quen indicou que o Goberno galego, no marco das súas competencias -de asesoramento técnico, de seguimento e control e de posta en marcha de actuacións preventivas- está a acentuar a vixilancia sobre actividades nas que se rexistran maior número de accidentes e contan con máis persoas traballadoras, así como entre o colectivo de persoas traballadoras autónomas e micropemes.

Tal e como remarcou a conselleira, en materia de sinistralidade laboral “o único número favorable é cero”, inda así, dixo, “a política en materia preventiva si ten resultados no eido da seguridade e saúde e benestar dos nosos traballadores”. Nesta liña subliñou que en 2021 os accidentes laborais mortais reducíronse en Galicia nun 12,72% respecto de 2020.

Lorenzana lembrou que o Goberno galego está a representar, xunto con Cantabria, a todas as comunidades autónomas no deseño da nova estratexia estatal de seguridade e saúde laboral. Unha vez completada, Galicia poderá actualizar a autonómica, coa que dará resposta “a todos os riscos existentes e tamén aos emerxentes”.

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) conta cun plan anual de actuacións con máis de 6,6 millóns de euros de orzamento e 123 persoas, das que 12 son técnicas habilitadas para o exercicio de actuacións comprobatorias das condicións de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo. Esta equipa realizou en 2021 un total de 548 actuacións en 351 empresas, con especial presenza de actividades de construción, pesca, agro, forestal, industria, servizos, tinturarías ou talleres mecánicos. No presente ano espéranse realizar un máximo de 600 supervisións nas que se incluirán, como novidade, ao sector da xardinería.

A Xunta, tal e como destacou a conselleira, ten constituído ademais un grupo de traballo con presenza de todas as organizacións sindicais e o tecido empresarial que ten por misión analizar as tendencias de sinistralidade e propor medidas para a súa redución.

Lorenzana tamén valorizou a coordinación que o seu departamento mantén co Servizo Galego de Saúde e outros dispositivos públicos de prevención para minimizar o impacto dos accidentes de traballo que teñen como causa infartos, derrames e outras patoloxías non traumáticas. Froito desta colaboración, o ano pasado se acometeron 218 actuacións de investigación ou sospeita de enfermidade profesional.

Emprego inclusivo

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, por outra banda, referendou no Pazo do Hórreo o compromiso da Xunta coas políticas activas de emprego para as persoas con discapacidade que teñen como propósito, tal e como remarcou en resposta a unha pregunta parlamentaria, “conseguir unha contorna e un mercado laboral acolledor e inclusivo, no que o emprego protexido para as persoas con discapacidade pase a formar parte do emprego ordinario”.

Nesta liña, Lorenzana se referiu ao plan que o goberno galego está a impulsar para garantir o emprego deste colectivo que, dotado con máis de 40 millóns de euros, conta con 7 programas de axuda e apoio ao acceso a un emprego e a capacitación profesional das persoas con discapacidade e daquelas que estean en situación ou risco de exclusión social.