Mércores, Maio 07, 2025
Impartimos unha xornada técnica sobre os beneficios para a saúde que achega a práctica de actividade física
Santiago de Compostela, 07 de maio de 2025
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), en colaboración con FREMAP, celebrou hoxe o webinar “Coida o teu corazón: actividade física e saúde”, unha actividade encadrada no Plan de actuacións 2025 do instituto e orientada á promoción de hábitos saudables no contorno laboral. A convocatoria contou cunha excelente acollida, con máis de 200 persoas inscritas procedentes de distintos sectores laborais, o que amosa o crecente interese por incorporar a actividade física como ferramenta de prevención e benestar.
O obxectivo da xornada foi concienciar ás persoas traballadoras sobre a importancia do exercicio físico regular para previr as consecuencias negativas da inactividade e do envellecemento, tanto a nivel físico como mental. A través dunha sesión participativa e divulgativa, analizáronse os efectos do sedentarismo a longo prazo, como a aparición de trastornos musculoesqueléticos ou o aumento do risco de enfermidades cardiovasculares, e destacáronse os beneficios contrastados que aporta a práctica regular de actividade física.
A xornada estruturouse nun percorrido que comezou cunha análise do contexto actual da saúde laboral, marcada por un aumento preocupante de accidentes non traumáticos, como infartos ou outras patoloxías de orixe cardiovascular, que en moitos casos están directamente relacionadas con hábitos de vida pouco activos. A continuación, afondouse nas consecuencias físicas e psíquicas do sedentarismo e abordáronse os múltiples beneficios que ofrece o exercicio físico, tanto na prevención como na mellora do rendemento laboral e a calidade de vida.
A sesión tamén incluíu a presentación de recomendacións prácticas para que calquera persoa traballadora, independentemente do seu posto —con carga física elevada ou sedentario—, poida incorporar rutinas de movemento e actividade ao seu día a día, adaptadas ás súas posibilidades e condicións.
Esta actividade forma parte das accións estratéxicas do ISSGA en materia de promoción da saúde, un ámbito prioritario ante o incremento de problemas asociados a estilos de vida sedentarios no ámbito laboral. A elevada participación neste webinar reafirma o compromiso do ISSGA e de FREMAP por seguir desenvolvendo iniciativas formativas e de sensibilización que axuden a construír contornos laborais máis sans, activos e sostibles.