Mércores, Outubro 25, 2023
Impartimos unha xornada técnica sobre o retorno ao traballo logo dunha IT de longa duración causada por un TME
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023. O ISSGA continúa desenvolvendo a súa programación formativa anual coa organización deste xornada técnica en formato webinar sobre “Xestión do retorno ao traballo logo dunha incapacidade temporal de longa duración causada por un trastorno musculoesquelético”, realizada en colaboración con MCMUTUAL e que é a décimo cuarta xornada técnica que organiza o instituto este ano.
Ademais, forma parte das actividades organizadas polo instituto con motivo da Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, que ten lugar do 23 ao 27 de outubro. Cada ano a Axencia Europea da Seguridade e a Saúde no Traballo promove, en toda Europa, a Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, co obxectivo de fomentar lugares de traballo seguros e saudables e contribuír á difusión da campaña europea en curso que para o período 2023-2025 é “Traballos seguros e saudables na era dixital” e que ten por finalidade actuar en termos de seguridade e saúde ante os grandes retos e riscos derivados das tecnoloxías dixitais, que avanzan máis rápido que ningunha outra innovación da nosa historia, transformando a nosa sociedade e o noso día a día.
O ISSGA, membro Rede Española de Seguridade e Saúde no Traballo, como órgano técnico da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais, colabora tanto na realización como na difusión das actividades relacionadas con esta campaña.
A actividade formativa que nos ocupa hoxe ten por obxectivo sensibilizar na importancia de xestionar adecuadamente o retorno ao traballo en beneficio das organizacións e do persoal traballador. Tamén se darán a coñecer as pautas xerais para a implantar un programa de reincorporación laboral tras incapacidade temporal por trastornos musculoesqueléticos (TME) .
Os TME relacionados co traballo son o problema de saúde máis común en España e en Europa, afectando a 3 de cada 5 traballadores/as. Ademais, os TME son a primeira causa de incapacidade temporal de longa duración, sendo un problema de gran magnitude tanto para as empresas como para os traballadores afectados.
Unha xestión eficiente do retorno ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde é clave para:
- Garantir unha reincorporación saudable e segura
- Evitar recaídas e contribuír no proceso de rehabilitación
- Mellorar a eficiencia do traballador que sufriu un TME
- Diminuír a taxa de absentismo
Este proceso de xestión da reincorporación ao traballo ten que estar integrado na política de saúde na empresa, contando co compromiso da dirección e a voluntariedade e implicación da persoa traballadora. Debe dispor dos recursos adecuados e suficientes e ter un enfoque personalizado.
Hai que deseñar eficazmente un plan de volta ao traballo con diferentes etapas, tanto durante o proceso de IT coa readaptación físico-laboral e a adaptación do posto de traballo como unha vez incorporada a persoa ao traballo, dende o primeiro día da reincorporación e durante a execución e seguimento do plan de volta ao traballo.
Temos que ter en conta que canto máis se prolonga a ausencia menos determinante é o problema de saúde inicial para volver ao traballo e máis peso teñen os factores psicosociais, polo que temos que ter moi en conta estes últimos.
As actuacións para facilitar o retorno ao traballo alíñanse cos novos enfoques de axencias internacionais de seguridade e saúde no traballo e de seguridade social e alcanzan os logros de:
- mellorar a autoestima e a calidade de vida na persoa
- reter o talento e garantir a empregabilidade nas empresas
- e contribuír á sustentabilidade dos sistemas de seguridade social
Esta é unha área de actuación que nos compromete a todos e desenvolve o previsto no artigo 15 da Lei 31/1995, de Prevención de Riscos Laborais, en canto ao principio máis relevante en protección da saúde dos traballadores de adaptar o traballo á persoa.