Novas

Xoves, Febreiro 24, 2011

Galicia rexistrou 36.430 accidentes laborais en 2010, un 7,77 por cento menos que o ano anterior

Galicia rexistrou 36.430 accidentes laborais en 2010, un 7,77 por cento menos que o ano anterior
  • O director xeral de Relacións Laborais e a directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral presentaron o Plan de Actividades para 2011, que foi aprobado pola Comisión de Goberno do ISSGA, integrado por Xunta, CEG e os sindicatos UGT, CCOO e CIG
  • Entre as novidades destaca, ademais, a realización dunha aplicación para que as empresas calculen os custos derivados da sinistralidade laboral co obxectivo de sensibilizalas sobre a rendibilidade de investir en prevención
  • O ISSGA desenvolverá un programa de protección para as mulleres embarazadas e un plan de seguridade viaria laboral
  • Quinzá destacou que a sinistralidade laboral baixou en 2010 nas catro provincias e subliñou que os sinistros mortais descenderon un 12.16 por cento

Galicia pechou 2010 cun 7,7 por cento menos de accidentes laborais que en 2009. En total rexistráronse na Comunidade autónoma 36.430 sinistros, 3.069 menos que no exercicio anterior. Así o expuxeron onte o director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, e a directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, que, ademais de ofrecer estes datos, presentaron o Plan de Actividades do ISSGA para 2011.

Por unha banda, a directora do ISSGA indicou que a sinistralidade descendeu nas catro provincias (A Coruña -8,79%, Pontevedra, -8,15%, Lugo, -7,37% e Ourense, -1,78%) e recalcou que os sinistros mortais baixaron en xeral un 12,16 por cento.

Así mesmo, resaltou que os accidentes ‘In Itinere’(os ocorridos durante os desprazamentos ao ir ou volver do traballo) diminuíron nun 4,57 por cento con respecto ao ano anterior.

Por sectores, Quinzá-Torroja subliñou que o maior o descenso tivo lugar na construción (-12,49%), seguido da industria (-9,98%) e o sector servizos (-4,95%).

Plan de Actividades para 2011

Con respecto ao Plan de Actividades do ISSGA para 2011 explicou que integra para este ano un total de 72 programas dos que máis de 20 liñas de actuacións son novidosas. O proxecto foi aprobado o pasado mes de xaneiro pola Comisión de Goberno do ISSGA, integrada por representantes da Xunta, a CEG e os sindicatos UGT, CCOO e CIG. “Con esta iniciativa, enmarcada na estratexia plurianual de prevención de riscos laborais, acordada no seno do diálogo social, arranca o Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014”, precisou.

As accións que xa se están a desenvolver para este ano xiran en torno a catro eixos principais: a mellora da coordinación entre as administracións competentes en materia de seguridade laboral (Sanidade, Economía e Industria e Educación), e nas competentes por razón do ámbito de actuación (Mar e Medio Rural); o reforzo na investigación das enfermidades profesionais; o afondamento no asesoramento técnico ás pequenas e medianas empresas (Pemes) e aos traballadores autónomos; e a ampliación do ámbito da investigación a outras tipoloxías de accidentes laborais e novos segmentos da poboación.

Entre as medidas novidosas destacan unha atención especial aos riscos ergonómicos e psicosociais, xa que vén de constatarse que os sobreesforzos nos accidentes laborais son causa do 25 por cento dos casos, segundo explicou Quinzá-Torroja,

Así, para combater esta tendencia, o ISSGA levará a cabo un estudo das condicións ergonómicas dos traballadores da pesca de baixura e un mapa de riscos ergonómicos de Galicia. Con respecto á primeira actuación, a directora do ISSGA explicou que o estudo analizará os factores de riscos por tipo de embarcación e arte de pesca establecendo unha asociación causal cos datos de sinistralidade. O documento realizarase no marco xeral de colaboración que mantén o ISSGA cos institutos homólogos de País Vasco, Asturias e Cantabria.

Pola súa banda, o mapa de riscos ergonómicos terá como obxectivo analizar as situacións deste tipo de risco laboral na poboación traballadora galega, segundo actividade económica e incluíndo a perspectiva de xénero; identificar as actividades onde se presentan trastornos músculo-esqueléticos, postos de traballo con maior risco e tipos de patoloxías máis frecuentes; e, por último, estimar o número de traballadores expostos, con variables de sexo, idade e antigüidade no posto.

Así mesmo, e dentro deste ámbito de actuación, desenvolverase un plan piloto de avaliación de riscos psicosociais en centros de traballo da Administración. Ao respecto, a directora do ISSGA apuntou que o 22 por cento dos traballadores europeos sofren estrés e preto do 60 por cento das baixas laborais están relacionadas con esta enfermidade, segundo datos da Axencia Europea de Seguridade e Saúde no Traballo. “O plan piloto realizarase en centros da Xunta once os traballadores poidan estar especialmente expostos polo tipo de actividade, como por exemplo, o ámbito asistencial”, matizou.
As tres liñas de actuación forman parte do segundo dos eixos de acción do Plan de Actividades do ISSGA para o ano 2011.

Cálculo na sinistralidade

A novidade máis salientable no terceiro eixo, asesoramento á Pemes e aos autónomos, é o desenvolvemento dunha aplicación para realizar o cálculo de custos derivados da sinistralidade laboral con baixa. “Será un autocalculador ao servizo das empresas que porá de relevo os custos da sinistralidade nunha comparativa cos investimentos necesarios para evitala co fin de contribuír a sensibilizar ao tecido empresarial sobre a rendibilidade de investir en prevención”, resaltou Quizá-Torroja.

No carto eixo de actuación- ampliación do ámbito da investigación e accidentes laborais-, o ISSGA levará a cabo como novidade análises de sinistralidade laboral por accidentes de tráfico, por forma non traumática (infartos, derrames cerebrais e outras lesións non traumáticas) e segundo a poboación inmigrante, “xa que supón un colectivo maioritario nalgúns sectores de actividade”, apostilou.
Outras medidas novidosas serán o desenvolvemento dun programa de protección para as mulleres embarazadas para verificar nos centros de traballo que se prevén as medidas previstas na normativa e a posta en marcha da Escola Galega de Prevención de Riscos Laborais en Pontevedra. Os contidos serán dirixidos fundamentalmente aos rapaces de educación primaria e aos estudantes de ciclos formativos, bacharelato e FP.

Quinzá-Torroja tamén destacou o plan de seguridade viaria laboral que terá como finalidade o asesoramento ás empresas de maior sinistralidade viaria sobre a necesidade de avaliar os riscos asociados aos desprazamentos “pola incidencia actual da sinistralidade laboral nos accidentes de tráfico”, apuntou.

Coordinación coa Fiscalía

Por último, a directora do ISSGA destacou que o Plan de Actividades 2011 incidirá en aspectos levados a cabo o ano pasado como son a prevención de riscos entre máis de 100.000 traballadores e 67.000 autónomos; a coordinación permanente coa Fiscalía para a investigación dos accidentes laborais; e a posta en marcha de campañas sobre prevención de riscos por sílice ou amianto.
Así mesmo, poranse en marcha cursos de formación e xornadas técnicas e seguirase a prestar especial atención ao Observatorio Galego de Condicións de Traballo, creado o ano pasado co obxectivo de mellorar o estudo dos indicadores preventivos de maior relevancia para dispoñer de información de calidade para a toma de decisións.