Novas

Mércores, Decembro 02, 2009

A formación e a sensibilización dos condutores perfílase como a solución máis eficaz a longo prazo para reducir os accidentes laborais de tráfico

A formación e a sensibilización dos condutores perfílase como a solución máis eficaz a longo prazo para reducir os accidentes laborais de tráfico

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) celebrou hoxe no seu centro provincial de Ourense unha xornada técnica na que se falou sobre a problemática da seguridade viaria na contorna laboral, que constitúe unha materia pendente no ámbito da prevención de riscos no traballo.

O xefe provincial de Tráfico de Ourense, David Llorente Rey, incidiu en que, a pesar do gran descenso da accidentalidade mortal de tráfico, esa tendencia non se viu reflectida nos accidentes in itinere (os que se producen no camiño do traballo á casa ou da casa ao traballo) e en misión. En 2008, xa se produciron en Galicia máis accidentes de tráfico en días laborables que nas fins de semana, segundo apuntou Llorente, quen manifestou as súas sospeitas de que esta tendencia se consolide nos próximos anos.

Como o resto dos relatores, o responsable da Xefatura Provincial de Tráfico salientou a importancia do factor humano neste tipo de accidentes, incidindo especialmente na distracción do condutor e a dificultade para regular eses comportamentos, ao non existir unha infracción paradigmática.

Entre as posibles medidas a adoptar por parte das empresas, propuxo que as compañías proporcionen autobuses de empresa gratuítos, incentivar o uso do transporte público, así como o da bicicleta e do coche compartido, convocar reunións en “horas valle” (é dicir, nin a primeira nin a última hora, para evitar así as présas), incluír a seguridade viaria nos plans de prevención e establecer plans específicos para condutores de risco.

José Manuel González Tizón, do Departamento de Persoal e Prevención na empresa de automoción Faurecia, explicou as medidas concretas tomadas por esta multinacional francesa, que conta en Ourense cunha fábrica na que traballan uns 500 empregados.

Segundo explicou, Faurecia aposta por fomentar a formación e a información dos traballadores neste aspecto, pola elaboración dun procedemento interno sobre seguridade viaria e por facilitar a ampliación do tempo de descanso para comer e a maior flexibilidade dos horarios. Ademais, a compañía ten establecido e actualizado un plan de tráfico que, entre outros puntos, inclúe separar fisicamente os fluxos de tráfico, simplificar o acceso dos vehículos ao centro de traballo ou favorecer o bo estado e o mantemento axeitado destes.

A formación dos condutores foi o tema central da charla de Fernando Varela García, da Asociación Provincial de Autoescolas de Ourense, para quen este problema non é unha cuestión de concepto, senón de aplicación. “Para reducir a sinistralidade, a solución máis eficaz a longo prazo é a formación e a sensibilización dos condutores, unha formación que teña en conta as posibles situacións de risco e as medidas adecuadas para facerlles fronte”, apuntou.

Como proposta de futuro, este experto suxeriu a creación dunha mesa de traballo multidisciplinar na que estean representados todos os axentes implicados para analizar proxectos de formación e establecer obxectivos.

Doutra banda, Francisco Garrido Carballo, técnico da mutua de accidentes de traballo FREMAP, disertou sobre os aspectos técnicos da seguridade viaria como elemento fundamental na prevención de riscos laborais. Ademais, Garrido subliñou a importancia de adaptar os accidentes laborais de tráfico ás avaliacións de riscos realizadas polas empresas.

Así mesmo, incidiu en que a formación é unha necesidade que ten que comezar na escola, para así implantar na sociedade a idea de que a seguridade viaria é “unha cousa de todos”.