Venres, Xuño 01, 2018
Feijóo avoga por seguir impulsando a negociación colectiva para establecer novos consensos sobre o impacto das novas tecnoloxías nas formas de traballo e organización empresarial
- Asevera que o obxectivo é acadar un marco laboral con máis estabilidade; máis seguridade laboral; máis igualdade entre homes e mulleres; máis inclusión; máis conciliación; máis formación e máis respecto polo ambiente
- En termos de estabilidade destaca o Plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos, para reducir nun 90% o número de empregados temporais
- En relación á igualdade subliña a importancia de abrir o debate interno en cada empresa sobre a suba das retribucións salariais dos seus empregados
- Sobre talento e competitividade aposta por converter a transformación dixital nunha oportunidade para modernizar o tecido produtivo e crear máis emprego cualificado
- Sostén que ningún dos retos e ningún obxectivo para mellorar as cifras e a calidade do emprego será posible se non se traballa nun escenario de estabilidade
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2018. O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por seguir impulsando a negociación colectiva para establecer novos consensos sobre o impacto das novas tecnoloxías no ámbito laboral, así como as novas formas de traballo e organización empresarial.
Durante o XXVIII Congreso da Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Feijóo aseverou que o obxectivo é acadar un marco laboral con máis estabilidade; máis seguridade laboral; máis igualdade; máis inclusión das persoas con capacidades diversas; máis conciliación; máis formación e máis respecto polo ambiente.
“Todo isto, recollido nun sólido compromiso das empresas coa responsabilidade social empresarial, que fai empresas: mais responsables, máis comprometidas coa sociedade e máis comprometidas coas persoas”, abundou, incidindo na necesidade de implicar á iniciativa privada e falar así de emprego en termos de estabilidade, dando exemplo desde a Xunta co Plan de estabilidade no emprego dos servizos públicos, para reducir nun 90% o número de empregados temporais do sector autonómico.
Así mesmo, en termos de igualdade subliñou a importancia de abrir o debate interno en cada empresa sobre a suba das retribucións salariais dos seus empregados. E, en termos de talento e competitividade referiuse ao reto da industria que vén e do emprego que vén, convertendo a transformación dixital nunha oportunidade para modernizar o tecido produtivo e crear máis emprego cualificado.
Sobre este punto, recordou que no seu orzamento, a Xunta destina 1 de cada 3 euros ao impulso do crecemento intelixente e o emprego de calidade, para: situar a innovación e a Industria 4.0 como base do crecemento económico; conectar o talento investigador co tecido empresarial para que dea lugar a novos produtos e servizos; reforzar a competitividade das pemes con axudas para que sexan mais innovadoras e máis exportadoras; e poñer o foco no capital humano, para que os traballadores se poidan adaptar a este novo contorno tecnolóxico na industria.
Ao longo da súa intervención, Feijóo lembrou que a responsabilidade coa que Galicia vén exercendo a xestión das contas públicas permitiu que o nivel de paro na Comunidade roce niveis inferiores aos de hai 9 anos, cun descenso do 10,92% no último ano. E cualificou de logro colectivo que Galicia encadee máis de catro anos de incremento nas afiliacións á Seguridade Social, ao terse rexistrado en abril o maior aumento desde 2007; ou que a contratación indefinida creza catro veces máis que a temporal.
O presidente da Xunta concluíu facendo fincapé en que ningún dos retos e ningún obxectivo para mellorar as cifras e a calidade do emprego será posible se non se traballa nun escenario de estabilidade. “Ese é o único escenario que pode facer prosperar o diálogo social e a negociación colectiva”, dixo, subliñando que ambos son o motor dos grandes avances que se foron producindo a nivel laboral no país.