Novas

Mércores, Xuño 03, 2026

Durmir ben para traballar con seguridade: o Issga aborda a importancia do descanso na prevención laboral

imaxe webinar sono e descanso

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026.

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), en colaboración con Fremap, organizou hoxe unha xornada técnica en formato webinar centrada na importancia do sono e do descanso como elementos fundamentais para a saúde, o benestar e a seguridade das persoas traballadoras.

A actividade, desenvolvida no marco do Plan de Actuación 2026 do Issga, puxo o foco nun aspecto que adoita pasar desapercibido a pesar da súa relevancia para a prevención dos riscos laborais. Nun contexto caracterizado por ritmos de traballo intensos, elevada carga mental e crecente esixencia profesional, o descanso adecuado constitúe un factor esencial para manter a capacidade de atención, o rendemento e a seguridade no desempeño das tarefas.

Durante a sesión analizouse a relación directa existente entre a falta de descanso e o aumento dos riscos laborais, destacando os efectos da fatiga e da somnolencia sobre a concentración, a capacidade de resposta e a toma de decisións. Tamén se abordou o impacto que estas situacións poden ter en actividades que requiren elevados niveis de atención, como a condución de vehículos ou o manexo de maquinaria, así como as súas repercusións sobre o absentismo e a produtividade.

A xornada tivo un marcado carácter práctico, proporcionando ás persoas participantes recomendacións e pautas sinxelas para mellorar a calidade do descanso. Entre outras cuestións, abordáronse aspectos relacionados coa creación dun ambiente axeitado para durmir, o establecemento de rutinas e horarios regulares, a alimentación e os hábitos previos ao descanso, así como a importancia da desconexión antes de deitarse.

A xornada espertou un notable interese entre as persoas participantes, que seguiron activamente as exposicións e protagonizaron un coloquio final moi participativo, no que se formularon numerosas consultas e reflexións relacionadas coa influencia do descanso na saúde, o benestar e a seguridade no traballo.