Novas

Luns, Abril 28, 2025

Declaración Institucional da Xunta de Galicia con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo

imaxe declaración institucional

A Xunta de Galicia, con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, que se conmemora o día 28 de abril, quere reiterar un ano máis o seu firme compromiso para avanzar na creación de contornos de traballo seguros, saudables e sostibles a través da consolidación dunha eficaz xestión preventiva nos lugares de traballo e o avance cara o benestar laboral ligado á competitividade e sostibilidade así como á captación e retención do talento.

A Organización Internacional do Traballo (OIT) escolleu como lema para o ano 2025 “Revolucionar a saúde e a seguridade: o papel da IA e a dixitalización no traballo” co gaio de afondar en como as novas tecnoloxías están a transformar a seguridade e a saúde das persoas traballadoras, entre outras cuestións mediante a automatización de tarefas, o uso de ferramentas intelixentes e sistemas de supervisión, a xestión algorítmica do traballo e a realidade ampliada ou virtual. Esta transformación dixital deu lugar a unha evolución das modalidades de traballo, como as plataformas laborais ou o teletraballo.

A tendencia da sinistralidade laboral en Galicia amosa a necesidade de seguir insistindo na prevención dos riscos tradicionais, reforzar a xestión preventiva dos riscos psicosociais e considerar a saúde cunha visión integral, promovendo estilos de vida saudables que axuden a evitar ou minimizar os sinistros durante a xornada laboral por infartos, derrames e outras patoloxías non traumáticas. Por outra banda, cómpre reforzar tamén as accións para a mellora da seguridade viaria laboral polo incremento dos accidentes de tráfico durante a xornada.

Galicia conta con dous instrumentos de planificación que son froito do consenso coas organizacións sindicais e empresarial galega. Por unha banda, a Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia: Horizonte 2027 coma ferramenta a medio prazo para desenvolver de forma ordenada e eficaz as políticas do Goberno galego nesta materia e, por outra, o plan anual de actuación do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) co que se executa a dita estratexia e con carácter anual concrétanse os programas a actuacións que teñen como obxectivo principal a redución da sinistralidade laboral a través dunha adecuada xestión dos riscos nos lugares de traballo, atendendo tanto aos riscos novos e emerxentes como aos tradicionais non totalmente resoltos.

No 2025 avanzarase na mellora das condicións de seguridade e saúde laboral nas actividades de xestión de residuos, talleres de reparación de vehículos e industria conserveira, en colaboración cos representantes de cada sector, e realizaranse campañas consensuadas cos axentes sociais de sensibilización, asesoramento e seguimento da xestión preventiva, incidindo especialmente no risco de caída de altura e traballos sobre superficies fráxiles, atrapamentos e cortes, adecuado uso e bo mantemento dos equipos de protección, etc.

É importante tamén dar unha adecuada resposta aos riscos laborais dos novos escenarios de traballo derivados do envellecemento da poboación traballadora, a dixitalización, o teletraballo, entre outros factores, cun maior peso dos factores de risco ergonómico e psicosocial. Para poder comprender estes riscos e evitar danos no futuro é preciso nun primeiro momento xerar coñecemento técnico a través da participación en grupos de traballo, fomentar a especialización nas distintas disciplinas preventivas e crear redes de alianzas para un traballo conxunto e compartido.

A dixitalización modifica a forma de interactuar coa contorna laboral ao tempo que supón unha transformación no noso día a día debido ao uso cada vez máis frecuente das tecnoloxías de información e comunicación, o que pode provocar riscos para a saúde das persoas traballadoras como: tecnoestrés, tecnofobia ou tecnoadicción. As medidas para facer fronte as estes retos pasan por sensibilizar e afondar no coñecemento sobre os riscos e oportunidades, concienciar sobre o uso seguro, promover unha xestión proactiva e de boas prácticas e fomentar o intercambio de información e coñecemento. As tecnoloxías dixitais serán seguras e produtivas se se deseñan e xestionan de acordo a un enfoque centrado na persoa traballadora como ser humano.

Mención especial ao Laboratorio de riscos psicosociais creado no 2024 en colaboración co Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC e que se configura como un espazo de traballo especializado na investigación, desenvolvemento e innovación sobre diferentes aspectos relativos á prevención de riscos laborais no se que abordarán aspectos como: xestión do estrés laboral, burnout, resolución de conflitos, retorno ao traballo tras unha baixa, etc.

O Goberno galego quere amosar o seu compromiso coa mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo nun momento de especial dinamismo e de transformación do mundo do traballo no que se debe prestar especial atención á prevención dos riscos psicosociais e á promoción da saúde no traballo, o que repercutirá non só a nivel individual senón tamén a nivel colectivo na empresa e na sociedade.