Martes, Maio 04, 2010
CURSO BÁSICO DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS PARA PERSOAS XORDAS EN COLABORACIÓN CON ACOPROS
O Centro do ISSGA na Coruña, dentro dos labores que se sinalan na Lei 14/2007, de 30 de outubro de creación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, puxo en marcha dende o 26 ao 30 de abril un curso de características singulares en prevención de riscos laborais, xa que estaba dirixido especificamente á comunidade de xordos, en colaboración coa Asociación Coruñesa de Promoción do Xordo ACOPROS.
Trátase polo tanto de dar así unha mellor reposta ao indicado na Lei de Prevención de Riscos Laborais que no seu Artigo 25 menciona a obriga dunha especial protección de traballadores especialmente sensibles a determinados riscos.
Grazas a este curso, os seus 15 participantes adquiriron a formación básica en materia de seguridade no traballo e estudaron as carencias en materia de protección laboral das persoas con problemas de audición, de forma que se poida corrixir calquera situación de perigo en que se poida ver envolvido un traballador xordo.
Trátase do segundo curso destas características en España, xa que o primeiro se realizou tamén neste Centro da Coruña.
O curso foi desenvolvido na súa totalidade en Lingua de Signos Española que dende o día 28 de xuño de 2007 goza de rango de lingua oficial do Estado.
Todo iso enmarcado por un lado nos obxectivos e accións definidas polo Plan
Estratéxico para a PRL en Galicia 2006-2010, e máis concretamente no o seu Obxectivo estratéxico 2. Implantar unha cultura preventiva na sociedade galega.
Mesmo se adaptou o material audiovisual editado pola Xunta de Galicia.
O programa desenvolvido corresponde ao Anexo IV do R.D. 39/1997 cunha duración de 35 horas lectivas.
CONTIDO DO PROGRAMA DE FORMACIÓN
1. Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo.
- O traballo e a saúde: os riscos profesionais. Factores de risco.
- Danos derivados do traballo. Os accidentes de traballo e as enfermidades profesionais. Outras patoloxías derivadas do traballo.
- Marco normativo básico en materia de prevención de riscos laborais. Dereitos e deberes básicos nesta materia.
2. Riscos xerais e a súa prevención.
- Riscos ligados ás condicións de seguridade.
- Riscos ligados ao ambiente de traballo.
- A carga de traballo, a fatiga e a insatisfacción laboral.
- Sistemas elementais de control de riscos. Protección colectiva e individual.
- Plans de emerxencia e evacuación.
- O control da saúde dos traballadores.
3. Riscos específicos e a súa prevención no sector correspondente á actividade da empresa.
4. Elementos básicos de xestión da prevención de riscos.
- Organismos públicos relacionados coa seguridade e saúde no traballo.
- Organización do traballo preventivo: «rutinas» básicas.
- Documentación: recolla, elaboración e arquivo.
5. Primeiros auxilios.
6. A prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero.