Novas

Mércores, Marzo 18, 2026

A cultura preventiva chega ás aulas do Liceo La Paz da Coruña

imaxe visita Liceo

A Coruña, 18 de marzo de 2026

 

No marco do Plan de actuación ISSGA 2026 e en liña coa Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo: Horizonte 2027, continúan desenvolvéndose actuacións orientadas a xerar cultura preventiva desde idades temperás. Nesta ocasión, o colexio Liceo La Paz acolleu unha actividade práctica centrada na prevención de riscos, na que participou alumnado de Educación Infantil dentro do seu proxecto de investigación “Emerxencias 112”.

Baixo o título “A patrulla da seguridade infantil: listos para previr!”, os nenos e nenas aprenderon, dun xeito adaptado á súa idade, a identificar riscos no seu contorno, actuar ante situacións de emerxencia e incorporar hábitos de hixiene, saúde e seguridade no seu día a día. A actividade foi desenvolvida grazas á colaboración de dúas nais do alumnado, Estefanía Pedreira e Patricia Varela, que, xunto coa subdirectora técnica do Issga, Encarna Sousa, acompañaron e dinamizaron a sesión achegando a prevención desde unha perspectiva próxima e participativa. A través de explicacións dinámicas, xogos e pequenas simulacións, abordáronse cuestións como o uso correcto do 112, a prevención de accidentes no fogar, na escola ou na rúa, e a importancia de manter condutas responsables e seguras.

Esta iniciativa enmárcase nas liñas de actuación do Plan de Actuación do ISSGA 2026, orientadas a reforzar a sensibilización e a concienciación da sociedade galega en materia de seguridade e saúde no traballo. En particular, responde ao obxectivo de impulsar accións educativas e de divulgación dirixidas ás etapas máis temperás, promovendo a integración da cultura preventiva no ámbito escolar e favorecendo a creación de hábitos seguros que perduren ao longo da vida.

Neste contexto, cobra especial relevancia a Escola Galega de Prevención, un espazo educativo deseñado para achegar a prevención aos máis pequenos dun xeito didáctico, ameno e participativo. A través de diferentes áreas temáticas —na rúa, na escola, no fogar e no traballo—, o alumnado interioriza conceptos clave relacionados coa seguridade, a ergonomía, a hixiene e os hábitos saudables.

A Escola estrutúrase en tres espazos diferenciados: unha zona de equipación, onde os participantes se preparan para a actividade; unha área audiovisual interactiva; e un espazo de documentación e xogos, onde poden experimentar con equipos de protección, identificar boas e malas prácticas e aprender de forma práctica. 

Tal e como se destaca desde o ISSGA, iniciativas como esta son fundamentais para que os nenos e nenas, futuros traballadores e traballadoras, se convertan en axentes activos na transmisión de hábitos seguros e saudables na súa contorna.

Cómpre destacar a importancia da implicación e complicidade dos pais, o profesorado e a sociedade para acadar o obxectivo de implantar unha cultura preventiva nos máis cativos e promover a anticipación aos riscos da contorna asociados á vida diaria dos rapaces e rapazas.

A prevención, entendida como unha actitude que se constrúe desde os primeiros anos de vida, permite non só evitar riscos no ámbito laboral, senón tamén dar resposta ás situacións cotiás do día a día, contribuíndo á protección da saúde e da vida.