Novas

Xoves, Novembro 07, 2013

A Comisión para a integración da igualdade do ISSGA reuniuse para avaliar a sinistralidade nos sectores feminizados

  • Trátase dunha comisión permanente da que forman parte técnicos do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), da Consellería de Traballo e Benestar, así como dos tres sindicatos máis representativos e da CEG
  • Na xuntanza tamén estudaron o informe sobre o programa de protección das traballadoras embarazadas que se levou a cabo entre 2011 e 2012

A Comisión para a integración da igualdade do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) reuniuse en Santiago para tratar diversos aspectos relacionados coa perspectiva de xénero en materia de prevención de riscos laborais. En concreto, abordaron principalmente os riscos dos sectores feminizados e o balance do programa de protección das traballadoras embarazadas que se levou a cabo entre 2011 e 2012.

Esta comisión ten un carácter permanente e técnico, e o seu principal obxectivo é asesorar sobre aspectos relacionados coa igualdade de xénero na saúde e seguridade no traballo. Está formado por técnicos do ISSGA, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, así como por persoal dos tres sindicatos máis representativos e da CEG.

Na reunión abordáronse, entre outros, o seguintes asuntos: as publicacións elaboradas recentemente polo Instituto sobre sectores feminizados e dous novos documentos, un sobre a análise da sinistralidade laboral en profesións feminizadas; e o outro sobre o programa de protección de traballadores embarazadas.

En canto á análise da sinistralidade laboral en profesións feminizadas, o estudo aborda os danos da saúde nesta profesións, agrupando as variables máis significativas, de xeito que sirva como instrumento para integrar a igualdade entre homes e mulleres na prevención de riscos laborais. Así, pódense ter en conta as diferenzas á hora de planificar as actividades preventivas para conseguir acadar un nivel de protección similar con independencia do xénero.

Sobre o programa de protección das traballadoras embarazadas, o informe reflicte as actuacións do persoal técnico do ISSGA sobre a situación das empresas no que respecta á obriga de ter en consideración o risco para a saúde da traballadora embarazada, que dera a luz recentemente ou en período de lactación. Nas súas conclusións, tratáronse cuestións como os ricos que se detectaron, as medidas planificadas levadas a cabo, así como a formación e información para as traballadoras.