Luns, Xaneiro 27, 2025
Campaña do ISSGA sobre "PRL nos novos escenarios de traballo"
O obxectivo desta campaña do ISSGA é dar a coñecer os novos escenarios de traballo relacionados coa seguridade e a saúde laboral distribuídos nas diferentes transicións: dixital, climática e demográfica, co obxectivo de mellorar a calidade da xestión preventiva para reducir a sinistralidade laboral e acadar o benestar no traballo.
Dáse visibilidade, a través de dous formatos, calendario de sobremesa e cartel, a doce dos principais ámbitos de actuación do instituto como órgano técnico da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais.
Foron repartidos a diferentes unidades administrativas da Xunta de Galicia, interlocutores sociais, empresas e persoas colaboradoras.
DIVERSIDADE XERACIONAL
A integración da perspectiva da idade e a diversidade xeracional na xestión da seguridade e saúde no traballo é unha tarefa esencial para protexer a saúde de todos os colectivos.
Os cambios normais relacionados coa idade poden ser tanto positivos como negativos. Moitos atributos, como a sabedoría, o pensamento estratéxico, a percepción holística e a capacidade para deliberar, aumentan ou aparecen por primeira vez ao avanzar a idade. A experiencia laboral e os coñecementos técnicos tamén se acumulan coa idade. Con todo, algunhas capacidades funcionais, sobre todo de carácter físico e sensorial, diminúen como consecuencia do proceso natural de envellecemento. Por todo isto, deberase ter en conta e integrarse tanto na avaliación de riscos como na planificación da actividade preventiva, xa que as condicións organizativas son pezas fundamentais para que sexa posible un desempeño adecuado a calquera idade.
TRABALLOS SEGUROS E SAUDABLES NA ERA DIXITAL
A dixitalización no mundo do traballo está a provocar cambios importantes e obrigándonos a atopar solucións novas e actualizadas para a saúde e a seguridade laboral. Tecnoloxías como a intelixencia artificial (IA), o big data, os robots colaborativos, o internet das cousas, os algoritmos, as plataformas dixitais de traballo e, ao mesmo tempo, un aumento significativo no número de persoas que traballan a distancia ou teletraballan, ofrecen oportunidades para o persoal traballador e o empresariado, pero tamén novos desafíos e riscos na contorna laboral aos que facer fronte. As medidas de prevención deberán facer fincapé na necesidade de formulacións centradas nas persoas e na prevención desde o deseño para garantir a saúde, seguridade e benestar das persoas traballadoras.
TRANSICIÓN ECOLÓXICA E CLIMÁTICA
As transicións ecolóxica e climática traen consigo riscos novos ou emerxentes que afectan á seguridade e saúde das persoas traballadoras e que necesitan unha adecuada xestión por parte das empresas.
Por unha banda, a maior concienciación polo coidado do medioambiente supón a evolución cara a unha economía sustentable e un maior fomento de enerxías renovables e empregos verdes que necesitarán plans de actuacións específicos para a mellora das condicións de SST.
Por outra banda, a clara evidencia dos efectos do cambio climático, trae consigo un aumento xeral das temperaturas e fenómenos cada vez máis extremos que se van producir tamén con maior frecuencia.
No ámbito laboral as persoas atópanse nunha especial vulnerabilidade e por iso é necesario insistir nas medidas preventivas e de protección para a saúde cando existen riscos derivados das condicións ambientais no traballo ao aire libre.
Ligazón á campaña: https://issga.xunta.gal/gl/campanas/prl-nos-novos-escenarios-de-traballo