Novas

Venres, Xaneiro 20, 2012

Avaliación dos Plans de Loita contra a sinistralidade laboral do ISSGA

Avaliación dos Plans de Loita contra a sinistralidade laboral do ISSGA

No Plan de actividades 2011 do ISSGA, e dentro dos programas a desenvolver no Observatorio Galego de Condicións de Traballo, figura, co epígrafe OGCT5 a avaliación de resultado do Plan de Loita contra a sinistralidade. Este Plan, que ten por obxecto a redución da sinistralidade en empresas concretas, e por extensión en determinados sectores produtivos, consiste fundamentalmente en actuacións de asesoramento técnico e comprobación da aplicación de medidas a empresas nas que concorran ao tempo dúas condicións: que tiveran un nº mínimo de accidentes ao ano (3 ou mais), e que o seu índice de incidencia supere en certa porcentaxe o índice de incidencia do seu sector (+50%). Dende hai anos véñense desenvolvendo plans similares tamén noutras comunidades autónomas, con certas diferenzas de matiz, especialmente na selección e clasificación das empresas.

Dende a creación do ISSGA en 2008, formulouse a conveniencia de avaliar a efectividade desta actuación, tendo en conta que é unha das actividades que ocupa unha importante carga de traballo técnico. Para isto é necesario ter un horizonte temporal suficiente, que permita analizar tendencias e a evolución da sinistralidade das empresas incluídas, máis que os resultados puntuais e inmediatos; houbo que esperar polo tanto a este ano para podermos compilar a información suficiente, que permita dita avaliación.

Estúdanse as empresas seleccionadas nos anos 2008, 2009 e 2010 nas catro provincias de Galicia. Algunhas empresas, por distintos motivos, (peche, cambio de razón social, etc.), cesaron a súa actividade, non sendo pertinente incluílas nesta análise; por ilo, a comparativa faise soamente para as 835 empresas que mantiñan actividade a decembro de 2010. O parámetro utilizado é o índice de incidencia, por estar menos influído polas variacións de tamaño dos cadros de persoal ou a actividade sectorial que o número absoluto de accidentes. Para a análise da evolución do índice de incidencia, tomáronse para cada unha das 835 empresas, os índices do ano previo á súa inclusión inicial no Plan (Plan 2008-Sinistralidade 2007 e consecuentemente P2009-S2008 e P2010-S2009) e comparáronse co seu índice á data final (Sinistralidade 2010), facéndose interpolación dos datos dos anos intermedios.

Esta avaliación estrutúrase comezando coa análise individualizada da evolución de cada empresa. A continuación, analizarase a evolución da sinistralidade das empresas obxecto do estudio, agrupadas por Plans anuais e por sectores de actividade, e a súa relación con estas mesmas variables tomadas para o conxunto de Galicia. Este estudo analiza tamén o número de traballadores, o de accidentes e os valores dos índices de sinistralidade das empresas incluídas nos plans, tanto para o conxunto, como en agregacións por sectores.
Finalmente, e antes de extraer unhas someras conclusións, indícanse as porcentaxes relativas das empresas obxecto deste estudo fronte aos totais de Galicia.