Novas

Venres, Outubro 18, 2019

Analizamos os riscos ergonómicos nunha xornada técnica na Coruña

A Coruña, 18 de outubro de 2019. Hoxe tivo lugar no centro Issga - A Coruña a xornada técnica “Riscos ergonómicos. Metodoloxías de avaliación e implementación de medidas preventivas”, realizada en colaboración coa Sociedade Galega de Prevención de riscos laborais (SGPRL).

Esta acción formativa está destinada a técnicos de PRL, empresarios e traballadores en xeral interesados na materia e supón o punto de partida das actividades organizadas polo Issga con motivo da Semana Europea da Seguridade e a Saúde no Traballo.

Máis dunha terceira parte dos accidentes de traballo en xornada laboral débense a sobreesforzos e máis dun 70% das enfermidades profesionais comunicadas son lesións de tipo musculoesquelético. Por tanto, a primeira causa de incapacidade temporal por enfermidade común é a lumbalxia, e os sobreesforzos continúan sendo a primeira causa de accidente de traballo con baixa e a súa incidencia na poboación española non deixou de crecer desde hai máis de 20 anos. Estímase que na UE uns 40 millóns de traballadores padecen TME causados polo traballo.

A avaliación dos riscos ergonómicos segue a ser unha disciplina pendente para moitas empresas. Á ergonomía non sempre se lle da a importancia que debe ter, porque non hai unha normativa tan específica coma noutros casos: axentes químicos, máquinas, construción, etc, ao tempo que os métodos de avaliación non son sinxelos e, en moitos casos, de difícil aplicación polas limitacións impostas polo propio método ou pola complexidade de aplicalos á actividade física concreta desenvolvida polo traballador, pola grande cantidade de factores de risco que deben terse en conta no posto de traballo (movementos repetitivos, levantamentos de cargas, mantemento de posturas forzadas, posturas estáticas, vibracións, condicións ambientais, etc.) .

Moitas veces, aplicar un dos principios da actividade preventiva expresados na Lei de prevención de riscos laborais, a adaptación do traballo á persoa, con cambios relativamente pequenos nas tarefas ou nos equipos utilizados no posto de traballo, poden mellorar considerablemente a saúde do traballador.

Durante este xornada indicamos os datos da incidencia dos TME e os danos para a saúde de orixe ergonómica en Galicia, a súa importancia e evolución, e da actividade preventiva empresarial: avaliación dos riscos, medidas preventivas, etc. Expúxose como a enxeñería do factor humano na industria, utilizando ferramentas como o “design thinking”, que é unha metodoloxía par desenvolver a innovación centrada nas persoas, se pode adaptar ao ámbito da ergonomía.

Mostramos a xénese e desenvolvemento dun método de avaliación ergonómica moi específico coma é o método HEMPA, seguindo as distintas etapas dende a súa xestación ate a validación final e, por último, aínda que tradicionalmente a ergonomía abarca a interface persoa-máquina; presentamos a macroergonomía (interface persoa-máquina-ambiente-organización) como instrumento integrador, de novo coa consideración do factor humano no deseño organizativo e na xestión.