Xoves, Outubro 19, 2017
Analizamos a importancia da idade e a diversidade na xestión da seguridade e a saúde laboral
- Unhas condicións de traballo seguras e saudables ao longo de toda a vida laboral son boas para os traballadores, as empresas e a sociedade en conxunto. Este é a mensaxe principal da Campaña "Traballos saudables en cada idade 2016-17", na que se enmarca esta xornada que forma parte da Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, que tivo lugar hoxe no Centro Issga de Lugo e que se replicará mañá no de Pontevedra (Rande-Redondela).
O traballo non é o problema ao que se enfronta Europa co envellecemento da súa poboación activa, senón parte da solución. O traballo pode ser beneficioso para a saúde tanto física como mental. A promoción do traballo sustentable e saudable pode redundar nun persoal máis san e motivado, nunha diminución da rotación do persoal e do absentismo, e nunha maior produtividade empresarial.
O fomento da prevención baseada no “ciclo de vida” dos traballadores, incidindo na necesidade de contar cunha boa xestión da seguridade e a saúde no traballo (SST) ao longo de toda a vida laboral, permitirá adaptar o traballo ás capacidades de cada traballador desde o inicio ata o final da súa carreira profesional. Ao xestionar a SST e ter en conta a diversidade existente nas persoas, pódese lograr un envellecemento saudable e unha xubilación en bo estado de saúde.
Todos os traballadores son diferentes e non todos están expostos aos mesmos riscos, xa que determinados grupos específicos expóñense a uns riscos máis elevados. Os riscos poden aumentar por factores como o xénero, o estado físico, a situación ou as orixes, así como a idade. Ao adaptar o traballo ás necesidades individuais ao longo da vida laboral, estes riscos pódense abordar, o que favorece unha contorna de traballo seguro e saudable para todos.
Para os traballadores, o obxectivo é mellorar a súa saúde no traballo, xa se atopen no inicio da súa carreira profesional ou no final da súa vida laboral. Os traballadores deben saber a quen acudir se teñen problemas no lugar de traballo e deberían realizar boas prácticas de traballo ao longo de toda a súa carreira profesional, de modo que poidan xubilarse con bo estado de saúde.
A formación e a educación facilitadas polos traballadores de máis idade e con máis experiencia poden ter un efecto motivador importante no persoal e aumentar a permanencia de traballadores na empresa. A utilización dos intereses, os coñecementos e as capacidades persoais desempeñan un papel fundamental.
A diversidade e a súa xestión no lugar de traballo son cuestións importantes na actualidade na SST. A avaliación de riscos con consideración do factor da idade debería ter en conta as diferenzas entre unhas persoas e outras, incluídas as posibles diferenzas na capacidade funcional e a saúde, así como a discapacidade e as cuestións de xénero. É necesario ter en conta a diversidade no proceso de avaliación dos riscos, e isto lógrase centrando a atención nas esixencias do traballo en relación coas capacidades e a saúde de cada persoa.
Un deseño do lugar de traballo e unha organización do traballo adecuados son beneficiosos para todos os grupos de idade.
A colaboración entre distintas partes interesadas - como servizos de saúde laboral, compañías de seguros de enfermidade e accidentes, representantes dos traballadores e a dirección da empresa - é crucial para xestionar os desafíos do envellecemento da poboación activa.
A xestión da seguridade e a saúde no traballo no contexto do envellecemento das persoas non só mellorará a saúde e a vida diaria de cada traballador, tamén mellorará a produtividade e a rendibilidade das empresas.
Os lugares de traballo saudables e produtivos abordan os desafíos que expón o envellecemento da poboación activa. Garantir o envellecemento saudable no traballo significa que os traballadores viven ben, traballan ben e envellecen ben.
Esta xornada foi posible grazas a colaboración dos relatores que se indican de seguido xunto coas súas exposicións:
- María Jesús Otero Aparicio. Xefa Unidade Técnica de Psicosociolxía. Centro Nacional de Novas Tecnoloxías. INSSBT (Madrid)
IDADE E DIVERSIDADE: IMPACTO NA XESTIÓN DE PRL
- Iván Clavel San Emeterio. Xerente da Fundación Deporte Galego – FDG. Presidencia da Xunta de Galicia
PROMOCIÓN DA ACTIVIDADE FÍSICA NOS CENTROS DE TRABALLO
- Antonio Fuertes Saavedra. Vogal da Sección de Psicoloxía do Traballo e as Organizacións e Membro do grupo de traballo en Saúde e Benestar Ocupacional do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
ENVELLECEMENTO E TRABALLO: UNHA ANÁLISE DENDE A PSICOLOXÍA