Novas

Venres, Outubro 28, 2011

Adela Quinzá-Torroja inaugura unha xornada sobre enfermidades profesionais

Adela Quinzá-Torroja inaugura unha xornada sobre enfermidades profesionais

A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, inaugurou hoxe a xornada sobre 'A comunicación de sospeitas de enfermidade profesional: novos retos para a saúde laboral' no Centro do ISSGA da Coruña, na que participaron máis de 100 persoas, e explicou as propostas de colaboración do ISSGA coas autoridades sanitarias.

Nesta xornada expuxéronse os avances no circuíto da nosa comunidade autónoma para o desenvolvemento da comunicación das sospeitas de enfermidades relacionadas co traballo, por parte dos médicos de atención primaria e especializada e dos facultativos dos servizos de prevención, que recolle o art. 5 do RD 1299/2006 polo que se aproba o cadro de enfermidades profesionais no sistema da Seguridade Social e se establecen criterios para a súa notificación e rexistro.

Isto suporá un aumento da declaración das enfermidades profesionais, e unha axeitada abordaxe destes danos laborais que beneficiará ao traballador en canto á súa protección laboral, á vez que permitirá unha adecuada xestión destes, cuxo custo debe ser asumido pola entidade xestora ou mutua colaboradora que asuma as continxencias profesionais, e non polo sistema público de saúde.

O ISSGA participará no estudo das sospeitas de enfermidade profesional, analizando as condicións de traballo e os riscos laborais asociados ao posto ou actividade laboral, o que posibilitará:

• Estimar a incidencia de patoloxías profesionais
• Identificar de forma veraz as actividades laborais de maior risco
• Establecer a correlación entre a patoloxía sospeitosa de ter unha orixe laboral e os riscos laborais asociados ás condicións de traballo en cada caso concreto, coa posterior emisión de informe concluinte á autoridade sanitaria
• Facer visibles enfermidades que teñen a súa orixe no traballo e que se enmascaran como patoloxías comúns
• Coñecer as patoloxías con maior incidencia real que culminará na elaboración de mapas de riscos de enfermidades profesionais na nosa comunidade autónoma
• Estimación do custo da enfermidade profesional
• Establecer unha axeitada estratexia preventiva en beneficio da protección da poboación traballadora

Tamén se abordaron as implicacións da nova Lei de Saúde Pública na saúde laboral e dos criterios para o desenvolvemento da actividade sanitaria no marco da Medicina do Traballo; explicause a nova normativa sobre os recursos para desenvolver a actividade sanitaria dos servizos de prevención, e expúxose o modelo desenvolvido pola comunidade autónoma de Valencia.

Os relatores que participaron foron os seguintes:

SAÚDE LABORAL E SAÚDE PÚBLICA.
Relatora: Montserrat García Gómez . Xefa da Área de Saúde Laboral.
Subdirección Xeral de Sanidade Ambiental e Saúde Laboral. Dirección Xeral de Saúde Pública e Sanidade Exterior. Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade.

NOVAS PERSPECTIVAS PARA A MEDICINA DO TRABALLO . RD 843/2011, do 17 de xuño, no que se establecen os criterios básicos sobre a organización de recursos para desenvolver a actividade sanitaria dos servizos de prevención .
Relatora: Nieves Lorenzo Espeso. Xefa do Equipo Técnico de Medicina Laboral da Coruña. ISSGA.

ESTRATEXIA DA DIRECCIÓN XERAL DE INNOVACIÓN E XESTIÓN DA SAÚDE PÚBLICA (DXIXSP): PROXECTO DE SAÚDE LABORAL.
Relatora: Isabel González García. Médica Especialista en Medicina do Traballo. Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública. Consellería de Sanidade.

SISTEMA PARA A VIXILANCIA E COMUNICACIÓN DAS POSIBLES ENFERMIDADES PROFESIONAIS NA COMUNIDADE VALENCIANA.
Relator: Valentín Esteban Buedo. Xefe de Servizo de Saúde Laboral. Dirección Xeral de Investigación e Saúde Pública. Consellería de Sanitat. Generalitat Valenciana