Venres, Outubro 26, 2018
150 persoas asisten en Pontevedra a unha xornada sobre bioseguridade
- Esta acción formativa é a derradeira das actividades programadas polo Issga con motivo da Semana europea para a seguridade e a saúde no traballo
-
Analizamos a bioseguridade na prevención do risco biolóxico e os protocolos que se deben cumprir para evitar exposicións de risco
Rande-Redondela, 26 de outubro de 2018.- Hoxe tivo lugar no Centro Issga de Pontevedra unha xornada técnica, que contou cunhas 150 persoas, co obxecto de entender a bioseguridade como o elemento principal para garantir a seguridade laboral nas actividades con manipulación de axentes biolóxicos.
A microbioloxía é a ciencia da bioloxía dedicada a estudar os microbios, seres vivos pequenos só observables a través do microscopio.
Tendo en conta a importancia da bioseguridade no control e prevención dos riscos asociados a estes microorganismos, organizouse esta xornada na se ofreceron os coñecementos necesarios para o seguimento dunhas boas prácticas de traballo, expuxéronse os coñecementos sobre o conxunto de medidas e protocolos de actuación que se deben cumprir para evitar exposicións de risco e para o correcto deseño e construción de instalacións destinadas á manipulación de axentes biolóxicos de alto risco.
Destacouse a importancia sobre a utilidade da avaliación de risco biolóxico como ferramenta crave para decidir a planificación preventiva, e por tanto, elemento chave da bioseguridade.
Fíxose unha introdución sobre os conceptos bioseguridade e biocustodia así como sobre os elementos que forman parte da contención biolóxica. Realizouse unha revisión dos aspectos máis importantes que se teñen que ter en conta no deseño dos laboratorios e animalarios de nivel 2 e 3 de contención biolóxica (NCB2 e NCB3).
Tanto para os laboratorios NCB2 e 3 como para os animalarios NCB2 e 3, describíronse os axente biolóxicos, mostras e animais que se acostuman utilizar, e as técnicas que se acostuman realizar en investigación e diagnóstico, tanto “in vitro” como “in vivo”, valorando en cada caso o tipo e magnitude de risco biolóxico. Ofrecéronse exemplos de adaptacións de deseño segundo diferentes escenarios e, para rematar, describiuse de forma resumida o tipo de xestión e as normas a seguir en cada nivel de contención.
Tendo en conta a experiencia adquirida, resaltáranse os aspectos máis problemáticos, tanto os referentes ao deseño, mantemento e validación dos laboratorios, así como do deseño de instalacións industriais e da seguridade biolóxica ao redor de pacientes: atención clínica e laboratorio de microbioloxía.
Tamén se resaltou a importancia da utilización dos equipos de protección individual fronte a riscos biolóxicos.