Campañas

Sensibilización no sector forestal_Alerta ISSGA_Recomendacións preventivas de actuación nos traballos de tala e roza no monte

Sensibilización no sector forestal_Alerta ISSGA_Recomendacións preventivas de actuación nos traballos de tala e roza no monte

MOTIVACIÓN

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), órgano técnico da Xunta en materia de prevención de riscos laborais, ven marcando o sector primario, en particular a actividade forestal, como obxecto prioritario das súas accións pola súa importancia económica e no tecido empresarial galego.

Neste ano 2023 unha das principais causas da accidentabilidade laboral que máis nos preocupa é a caída dunha árbore enriba do persoal traballador.

Isto fai necesario fomentar a concienciación no sector sobre a perigosidade asociada a estes postos de traballo facendo un esforzo por chegar a todo o persoal traballador, mesmo traducindo os documentos a aqueles idiomas predominantes nesta actividade como é o caso do romanés.

OBXECTIVO

O eixo principal desta campaña ímolo poñer na prevención dos riscos laborais en dúas das operacións con maior risco nos traballos de aproveitamento forestais no monte como son a roza e tala, establecendo recomendacións preventivas de actuación ante árbores sentadas e apoiadas/enganchadas.

É fundamental a formación e información do persoal traballador sobre os riscos máis habituais asociados a estas actividades e establecendo as medidas de protección e prevención asociadas á súa execución.

DESTINATARIOS

Vai dirixida tanto ás empresas como ao persoal traballador do sector forestal contando coa participación activa dos servizos de prevención propios, mancomunados e alleos nesta loita contra a sinistralidade laboral.

DOCUMENTOS TÉCNICOS

A base principal da campaña son os seguintes documentos técnicos:

Alerta ISSGA_Recomendacións preventivas de actuación ante árbores sentadas

Referímonos a aquela árbore que unha vez que o motoserrista realizou os cortes para a súa corta polo pé non cae ao chan, quedando en pé sen iniciar a súa caída. Nesta situación é importante:

  • Informar o resto de compañeiros en monte da existencia da árbore sentada. Indicar aos medios de axuda a dirección das vías de escape para a entrada e saída da árbore
  • Nunca abandonar o monte deixando unha árbore sentada sen sinalizar. Aplicar todas as medidas necesarias ou solicitar axuda para abatelo

Alerta ISSGA_Recomendacións preventivas de actuación ante árbores apoiadas / enganchadas

Aquela árbore que está sostida por outras árbores próximas. Neste caso cómpre lembrar:

  • Non se pode permanecer / transitar na zona de influencia da árbore enganchada/apoiada se non é para abatela de xeito
  • Non cortar nunca unha árbore sobre a que hai outra enganchada/apoiada
  • Non derrubar unha árbore sobre outra árbore enganchada/apoiada
  • Non gabear por unha árbore enganchada/apoiada para tentar baixada ao chan

En ambos os documentos facilitamos as recomendacións xerais e específicas e a proposta e asunción de medidas correctoras e preventivas nestes traballos incidindo no risco que supón unha árbore sentada ou apoiada/enganchada e na importancia de planificar, coordinarse e seguir un procedemento de traballo axeitado.

Algúns dos aspectos clave son:

  • nunca traballar de xeito illado no monte
  • observar o entorno da árbore para ver se hai obstáculos
  • sinalización
  • coordinación
  • comprobación da dirección de caída natural da árbore
  • procedementos seguros e axeitados
  • identificación das vías de escape
  • realización do corte de xeito seguro
  • zonas de influencia de árbores enganchadas
  • utilización doutros medios mecánicos, etc.

SOPORTES

Os soportes dispoñibles son tanto en formato dixital como físico e cómpre destacar que están dispoñibles en galego, castelán e tamén en romanés, como consecuencia da importante incorporación de persoas traballadoras de Romanía nos últimos anos.

Deste xeito facilitamos a comunicación, a transmisión de información e o entendemento entre o resto de persoal traballador e coa empresa, cuestión que esta debe cuidar especialmente, tal como se pon de manifesto nos datos de sinistralidade laboral que reflicte o importante incremento nos accidentes de traballadores estranxeiros.

GRUPO DE TRABALLO

Os documentos técnicos foron elaborados polo grupo de traballo técnico de prevención de riscos laborais no sector forestal do ISSGA formado por persoal técnico do ISSGA, a entidade Fearmaga, as empresas Ence e Finsa e o servizo de prevención mancomunado LugoMadera.

Este grupo de traballo ten como obxectivo a elaboración de documentos técnicos formativos e informativos sobre condicións de traballo seguras que permitan sensibilizar e abordar a sinistralidade laboral nun sector estratéxico como é o forestal.