Esta campaña é o resultado do traballo dun equipo multidisciplinar formado por persoas da Asociación SQM Galicia e o persoal técnico do Issga das especialidades de hixiene industrial e medicina do traballo.
O obxectivo é apoiar a este colectivo vulnerable dando visibilidade á súa enfermidade pouco coñecida e informando sobre medidas a implementar nos centros de traballo.
Obxectivos específicos
-
visibilizar unha enfermidade,
-
facelo da man da Asociación que representa ás persoas afectadas en Galicia,
-
facelo específico para o entorno laboral, que para cada persoa é diferente,
-
achegar o noso coñecemento técnico, desde a hixiene industrial e a medicina do traballo, respecto ás medidas preventivas que se poden adoptar.
Elaboráronse documentos sinxelos e claros nos que se advirten as dificultades que existen para dar resposta a todas as situacións e recopilar un mínimo de información para que fora identificado por todas as partes.
Soportes
-
Folleto informativo sobre que é a SQM, como se manifesta e, sobre todo, como previla e xestionala na contorna laboral.
-
Cartel divulgativo que recolle as principais medidas preventivas para evitar a exposición a substancias dirixidas principalmente á empresa.
-
Vídeo no que se fai un percorrido polas medidas preventivas para protexer ás persoas traballadoras.
Destinatarios
Servizos de prevención de riscos laborais, asociacións de técnicos de prevención, persoal sanitario, asociacións científicas e axentes sociais.
Trátase dun traballo pioneiro e exportable a outros territorios, que ten unha liña de continuidade por actividade ou sectores e que traslada o rigor técnico do Issga, como órgano encargado da prevención de riscos laborais e da promoción da saúde no traballo.
Destacar a importancia de avanzar no coidado das persoas tendo en conta tanto os factores de risco e as peculiaridades do seu entorno, como as condicións individuais de cada unha delas.
Información sobre a enfermidade e a Asociación SQM Galicia
A Sensibilidade Química Múltiple (SQM) é unha enfermidade crónica adquirida, caracterizada pola presenza de síntomas de variada intensidade que aparecen ante a exposición a baixos niveis de substancias químicas previamente toleradas polo mesmo individuo ou pola maioría da poboación. Os síntomas son variados e afectan a múltiples sistemas e melloran ao eliminar os axentes desencadeantes.
Pode ter a súa orixe no ámbito laboral debido á exposición a praguicidas, produtos industriais e outras substancias químicas.
A incidencia da SQM non é fácil de determinar, con todo, algúns estudos estiman que a prevalencia oscila entre o 0,2% e o 4% da poboación. Esta enfermidade ten un gran impacto na calidade de vida de quen a padece e afecta maioritariamente a mulleres.
A Asociación SQM Galicia foi creada no 2017 co obxectivo de brindar apoio, información e defender os dereitos das persoas afectadas por esta enfermidade, abarcando aspectos médico-sanitarios, xurídicos e laborais. A asociación busca visibilizar unha patoloxía emerxente que afecta principalmente a mulleres, aínda que non de forma exclusiva, e que está a gañar incidencia entre a poboación.
Descarga do vídeo de presentación na seguinte ligazón: https://youtu.be/I5EZbOMQHqY