
No Plan de actuación do ISSGA inclúense unha serie de campañas consensuadas polo grupo de traballo de sinistralidade do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que ten entre as súas funcións a realización de campañas co obxectivo de reducir a sinistralidade nos sectores, actividades ou operación que se poidan considerar de actuación prioritaria.
A raíz dos traballos levados a cabo no seno deste grupo de traballo e tralo análise da sinistralidade grave en Galicia que mostra que no sector gandeiro teñen lugar accidentes laborais do persoal veterinario que accede ás explotacións de gando vacún, realízase esta campaña para o sector gandeiro, “Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotación de gando vacún”, que inclúe, entre outras, as seguintes medidas:
- Elaboración de documentación técnica elaborada polo ISSGA
- Difusión do material, en formato impreso nas explotacións gandeiras, en colaboración coa Consellería de Medio Rural e, en formato dixital, a través da páxina web e outro medios dixitais.
- Sensibilización a través de redes sociais
Obxectivo, destinatarios e distribución
Nas explotacións existen riscos laborais tanto para o titular, como para o persoal traballador e as persoas que por razón do seu traballo acceden ás instalacións. Este é o caso do persoal veterinario que debe actuar nas explotacións (campañas de saneamento gandeiro, servizos veterinarios oficiais, agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira, actuacións clínicas ...).
Esta campaña, realizada en colaboración da Consellería do Medio Rural. pretende concienciar da importancia da prevención deste riscos laborais existentes nas explotacións de gando vacún e indicar as medidas e recomendacións preventivas que permitan eliminalos ou reducilos.
Na elaboración do contido dos documentos tivéronse en conta tanto a tipoloxía e as causas dos accidentes recollidos nos partes de comunicación de accidente, como nas enquisas nas que o persoal veterinario, que adoita acudir as explotación, indicou cales son os riscos que eles perciben como mais importantes.
A campaña terá unha duración plurianual co obxectivo de facer chegar á documentación a case 25.000 explotación de gando vacún galegas; este ano se visitarán unhas 9.000 explotacións a través da campaña de saneamento da Consellería Rural e nas que os técnicos farán entrega persoalmente da dita documentación. Ademais, tamén divulgara a través das páxinas web e redes sociais en formato dixital.
Soportes e contido
Elaboráronse para a campaña un cuadriplico e un cartel en galego e castelán onde se recollen este temas:
- Prevención no manexo dos animais
- Aspectos importante da normativa de sanidade animal
- Seguridade nas actuacións do persoal veterinario
- Sistemas de inmobilización
- Medidas de contención física dos animais
- Indicacións para evitar ou minimizar riscos
- Coordinación de actividades
Moitos dos accidentes nas explotacións gandeiras prodúcense cando hai proximidade ou contacto cos animais, e para evitalos é preciso ter en conta as súas reaccións, manter en bo estado as instalacións e dispor dos medios adecuados para facer os traballos de forma segura.
Algún dos aspectos destacados que se recollen na documentación técnica son os seguintes:
- Se na explotación existen traballadores por conta allea, é obrigatorio ter organizada a prevención de acordo coa normativa de prevención de riscos laborais (elixir unha modalidade preventiva, avaliar os riscos, planificar a prevención...)
- Dispoñer dunhas instalacións adecuadas axuda a realizar as tarefas con animais con máis seguridade.
- Cando sexa posible, procurar que os traballos do persoal se desenvolvan sen presenza dos animais no recinto.
- Se é preciso traballar na proximidade dos animais, estes deben estar inmobilizados ou cos movementos limitados todo o que sexa preciso.
- Utilizar medios de contención adecuados a cada caso permite o exame do gando e diminúe o risco de ataques e accidentes (cornadas, patadas, atrapamentos, esmagamentos, pisaduras, mordeduras, sobreesforzos...)
- Manter o gando saneado, as instalacións limpas e o ambiente de traballo libre de contaminantes evita riscos debidos a axentes biolóxicos e químicos.
- Ter a maquinaria en bo estado e facerlle as revisións e o mantemento reduce os riscos por axentes físicos (ruído, vibracións...)
- Acoller adecuadamente as persoas que acudan á explotación axudará a crear un bo ambiente de traballo.
- É obrigado e necesario coordinarse con todos os profesionais e empresas que leven a cabo actividades na explotación. Deben ser informadas dos traballos que se estean a desenvolver e lles poidan influír e dos riscos e medidas preventivas que compre adoptar, mediante a correspondente xestión preventiva.
Ligazóns de interese
Ligazón ao video
- Documentos