Campañas

Prevención e actuación ante situacións de violencia laboral externa no servizo de axuda no fogar

Imaxe protocolo SAF

A normativa de prevención de riscos laborais obriga a avaliar e a planificar as medidas preventivas respecto aos riscos psicosociais, entre eles, os ocasionados por violencia externa. Isto adquire unha gran relevancia nunha actividade con especiais dificultades como a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Partindo dunha visión e preocupación compartidas e conscientes da necesidade de actuar cara unha mellora das condicións de traballo e da seguridade e saúde laboral desta actividade altamente feminizada, considérase que as condutas constitutivas de violencia laboral externa deben ser abordadas especificamente, xa que prexudican ás persoas traballadoras directamente afectadas, a súa contorna, as entidades e, en xeral, a todas as persoas implicadas no SAF.

Con esas premisas constitúese a “Mesa de traballo para a elaboración dun protocolo seguridade para o SAF”, liderada pola FEGAMP e na que teñen presenza ademais da Xunta de Galicia e a propia FEGAMP, as organizacións sindicais (CIG, CCOO HÁBITAT GALICIA, UGT-Galicia, CSIF Galicia), as organizacións empresariais (AGESAF e ASADE) e o Colexio Oficial de Traballo Social. 

Na primeira reunión encárgase por unanimidade ao Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), na súa condición de órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais, a elaboración dunha proposta de protocolo ao que se foron sumando as achegas das entidades con representación na mesa. Tras varias reunións conclúese cun texto común e de consenso para a súa aplicación harmonizada en todos os concellos de Galicia.

Edata 19 de maio de 2026 acórdase de xeito unánime o texto definitivo do PROTOCOLO PARA A PREVENCIÓN E ACTUACIÓN ANTE SITUACIÓNS DE VIOLENCIA LABORAL EXTERNA NO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR (SAF), polo que procede manifestar que todas as entidades representadas adquirimos o compromiso de aplicación deste protocolo para previr, actuar e, no seu caso, erradicar todos aqueles comportamentos e factores de risco que poñan de manifesto condutas de violencia externa durante a prestación do SAF, e tamén nos comprometemos a impulsar todas as medidas e modificacións necesarias para garantir, de xeito real e efectivo, a aplicación e actualización deste protocolo.

Este documento ten como finalidade establecer un marco de prevención, actuación e seguimento fronte a situacións de violencia externa que afectan as persoas traballadoras, especialmente mulleres, na prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no ámbito das administracións públicas en Galicia.

Estas situacións de violencia externa poden darse durante a prestación do servizo nos domicilios das persoas usuarias, nos desprazamentos entre domicilios, nas comunicacións (telefónicas, redes sociais, ...), nas actividades sociais ou de carácter formativo relacionadas co traballo e mesmo nos traxectos entre o domicilio particular das persoas traballadoras e o lugar de traballo.

Foron premisas para a súa elaboración a redacción dun documento sinxelo e con medidas de fácil aplicación por parte de todos os concellos, e especialmente para os de menor tamaño do noso medio rural, que se entende son os máis necesitados de ferramentas de axuda e de asesoramento técnico.

Ademais, tívose en conta que a prestación do SAF desenvólvese en distintos lugares de traballo, moitas veces en soidade, e por un colectivo altamente feminizado determinando todo isto unha especial vulnerabilidade das persoas traballadoras.