Campañas

Prevención de riscos no manexo do tractor

Imaxe campaña tractor

Motivación

En Galicia hai un importante número de accidentes no medio rural que teñen o tractor como axente material, en moitos casos o resultado das lesión é grave ou mortal.

A gran maioría destes sinistros non teñen a consideración de accidentes de traballo, xa que os sofren en gran número persoas maiores de 65 anos e nunha alta porcentaxe persoas con idade moito máis avanzada.

As principais causas dos accidentes, sobre todo nos graves e mortais, son:

  • A envorcadura do tractor

  • O atrapamento na toma de forza

  • Accidentes de circulación

É relevante a incidencia dos accidentes que se producen nos desprazamentos na vía pública, que teñen a consideración de accidentes de tráfico, coa peculiaridade de que ademais poden ter consecuencias para terceiros que circulen á vez pola mesma vía.

Son factores que inciden na sinistralidade polo manexo do tractor en Galicia:

  • Importante dispersión xeográfica da poboación e elevada atomización e dispersión da propiedade

  • Significativo peso do sector agrario en Galicia e singularmente na provincia de Lugo

  • Envellecemento da poboación, especialmente no medio rural

  • Envellecemento do parque de maquinaria agrícola

  • Multiplicidade dos riscos no manexo do tractor: atrapamento por envorcadura, atrapamento entre obxectos, golpes contra obxectos en movemento, etc

  • A poboación exposta alcanza non só aos agricultores a título principal senón tamén: familiares directos, xubilados, agricultores a tempo parcial, outros traballadores non afiliados pola agraria, etc

  • Falta de horarios de traballo definidos, a dureza e exixencia física de moitos traballos agrícolas, factores ambientais, etc., que incide na sinistralidade do sector

  • Uso do tractor coma medio de desprazamento en zonas rurais

  • Situación especial cando o traballador autónomo contrata a un ou varios traballadores, de xeito que debe cumprir a Lei de prevención de riscos laborais

A campaña englóbase no marco da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, como unha das liñas de actuación recollidas no Plan de actuación do Issga para 2024: realizar campañas de sensibilización sobre o manexo seguro de maquinaria agrícola, especialmente en relación co manexo seguro do tractor e a seguridade viaria.

Obxectivo

Esta campaña nace da necesidade de sensibilizar a poboación galega asentada no rural para que incorpore na súas tarefas cotiás a prevención de riscos para evitar accidentes na súa contorna e na circulación en vías públicas, derivadas do manexo do tractor.

En concreto, o obxectivo da campaña é chegar á poboación rural que utiliza o tractor coas seguintes mensaxes:

  • Alertar e concienciar dos riscos do manexo do tractor e dos seus apeiros

  • Informar de cales son as causas máis recorrentes dos sinistros

  • Achegar recomendacións básicas, que de terse en conta evitarían os accidentes, ou cando menos, minimizarían a súas consecuencias, xa que, desgraciadamente, moitas veces as lesións son graves e mortais

Destinatarios

Son destinatarios desta campaña non soamente a poboación traballadora, xa que nunha porcentaxe moi elevada estes sinistros co tractor os sofren persoas que están fóra do ámbito laboral (persoas xubiladas, actividades de fin de semana), e cunha incidencia moi importante de accidentes na vía pública, é dicir accidentes de tráfico).

Polo tanto, os destinatarios son toda a poboación rural, dende os traballadores que utilizan o tractor ata o resto de persoas que realizan actividades no ámbito familiar para que incorporen o valor da anticipación ao risco como xeito de evitar os perigos e os accidentes no manexo do tractor.

Documento técnico

Como órgano técnico especializado en prevención de riscos o ISSGA elaborou dous documentos técnicos nos que se recolle a información técnica en catro ámbitos que se consideran os máis relevantes na prevención dos riscos e que se derivan da investigación destes accidentes con tractor, que son os seguintes:

  • Seguridade viaria

  • Protección da toma de forza, do eixe cardán e da entrada de potencia na máquinas

  • Medidas fronte ao envorco

  • Protección do tractor fronte ao envorco

Incídese no cumprimento das normas de tráfico e seguridade viaria: velocidade, sinalización e manobras perigosas, así como a necesidade de pasar a ITV e a homologación e matriculación do vehículo.

Tamén se destaca na documentación aqueles casos nos que é obrigatorio dispoñer de estruturas de protección antienvorcamento homologadas (ROPS) e cinto de seguridade e lémbrase que os tractores rexistrados no ROMA en data igual ou superior a 40 anos que non dispoñan de ROPS non se poderán pasar a outra actividade, nin cambiar de titularidade ou transferir salvo por herdanza.

Soportes

A campaña realízase en dous formatos, cartel e documento informativo, en soporte papel e vía web e redes sociais.

Reparto dos documentos informativos elaborados polo ISSGA farase por axentes da Dirección Xeral de Tráfico en todo o rural galego.

Distribuiranse 5.250 guías técnicas e 1.000 carteis en galego e castelán co fin de chegar ao maior número posible de agricultores, gandeiros, traballadores forestais e todos aqueles e aquelas que teñan relación coa utilización do tractor no campo galego.

Do mesmo xeito farase entrega de exemplares á Consellería do Medio Rural para que se facilite devandito documento a todas as persoas que realicen o trámite da Inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA).