As empresas que fomentan a saúde e o benestar dos seus traballadores e traballadoras máis alá do cumprimento das súas obrigas en PRL son empresas cuxo éxito e sostibilidade é maior. A acreditación como empresa segura, saudable e sostible está intimamente relacionada co modelo de promoción da saúde definido pola Rede Europea de Promoción da Saúde no Traballo (ENWHP) e plasmado na Declaración de Luxemburgo que define a promoción da saúde no traballo (PST) como “xuntar os esforzos dos empresarios, os traballadores e a sociedade para mellorar a saúde e o benestar das persoas no lugar de traballo”.
Detéctase unha dificultade para a adhesión a estes programas nas pemes e micropemes e, por outra banda, estase a reflectir un aumento dos accidentes por causas non traumáticas. Por estes motivos, o ISSGA elaborou unha campaña que servirá de orientación para o desenvolvemento de programas e accións para potenciar a saúde integral e o benestar laboral na empresa.
Esta campaña, que ten como soportes unha guía e un tríptico, foi presentada por dous cualificados relatores, coautores da mesma, Nieves Lorenzo Espeso, xefa da Área Técnica Medicina do Traballo e Ergonomía e Psicoloxía Aplicada do Centro Issga_A Coruña e Francisco Marqués Marqués, experto en Organizacións Saudables da Fundación Internacional ORP.
Os beneficios da xestión integral da saúde das persoas traballadoras, mais alá dos requisitos legais, pódense reflectir tanto a nivel individual (persoas que traballan) como a nivel organizativo (a empresa, con repercusión en temas tan importantes como o absentismo ou a produtividade), ou mesmo en beneficio da sociedade no seu conxunto.
A capacidade de traballo require dun correcto liderado e dunha cooperación adecuada entre a empresa, o equipo directivo, o persoal responsable da supervisión e o persoal profesional da seguridade e da saúde no traballo, das persoas traballadoras e da sociedade civil no seu conxunto.
Na seguinte ligazón pódese acceder a un video de presentación desta campaña: