O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) é un organismo autónomo adscrito organicamente á Consellería de Economía, Emprego e Industria. De acordo co establecido na Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula, configúrase como un órgano técnico da Xunta de Galicia en materia de seguridade e saúde no traballo (en adiante SST). No órgano colexiado de goberno do Instituto están presentes os interlocutores sociais de Galicia, xunto coas distintas unidades directivas da Xunta de Galicia con competencias neste eido.
Consonte á súa normativa reguladora, o Instituto desenvolve a súa actuación mediante un plan anual de actividades, como instrumento fundamental para dar cumprimento aos fins e desenvolver as funcións que lle son propias, no marco da estratexia que nesta materia adoptan os poderes públicos de Galicia.
Froito do Diálogo Social en Galicia son as sucesivas estratexias galegas de SST, ata a actual para o período 2017-2020 acordada no seo do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que se adapta ás peculiaridades sociais, empresarias, demográficas, territoriais etc. de Galicia. A esta estratexia deben unirse as sucesivas estratexias españolas, a vixente 2015-2020, na que Galicia participa tanto na súa elaboración como na súa execución, e no ámbito europeo, como o actual Marco estratéxico en materia de saúde e seguridade no traballo 2014-2020.
Así, é obxecto do plan anual o deseño e a priorización de accións e medidas que se dirixen á promoción, asesoramento técnico, formación, información e seguimento e control en materia de SST.
Polo exposto, este plan de actividades ten por obxecto determinar os obxectivos principais e as actuacións a desenvolver polo ISSGA durante o ano 2018, cunha dobre finalidade:
a) Por unha banda, servir de guión ao Instituto sobre as accións a desenvolver durante o ano 2018.
b) Pola outra, dar a coñecer coa máxima transparencia a todas as persoas e entidades interesadas as accións que o Instituto pretende desenvolver durante este ano.
Este plan aprobouse na reunión da Comisión de Goberno do ISSGA que tivo lugar o día 11 de decembro de 2017, segundo consta na acta da devandita xuntanza.
Entre as actividades que se programan neste plan hai iniciativas novas que teñen unha duración limitada no tempo, que pode ser anual ou nalgúns casos plurianual; outras que supoñen a continuación de actividades iniciadas en anos anteriores, e outras que constitúen actuacións de carácter permanente do Instituto de acordo coas funcións que ten encomendadas segundo o establecido na súa lei de creación e nos seus estatutos.

- Documentación