Guía de vixilancia da saúde no sector pesqueiro. 2ª parte

Guía de vixilancia da saúde no sector pesqueiro. 2ª parte

  • As direccións dos Institutos de Seguridade e Saúde Laboral das comunidades autónomas galega, asturiana, cántabra e vasca acordaron desenvolver un traballo conxunto neste sector.
  • As actividades económicas ocupadas por mulleres e, en consecuencia, os riscos laborais aos que poden estar expostas son, en moitas ocasións, diferentes aos dos homes.
  • A vixilancia colectiva da saúde débese realizar desde esta perspectiva de xénero, analizando os datos de forma separada por sexos.

A segunda parte da Guía de Vixiancia da saúde no sector pesqueiro, na que colabora o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), inclúe unha serie de artes extractivas e actividades relacionadas coa pesca nas cales a presenza da muller é predominante e incluso existen sectores con sobrerrepresentación feminina.

A pesca é unha realidade común intimamente ligada á vida social e económica do litoral cantábrico noroeste de España e, por ese motivo, as direccións dos Institutos de Seguridade e Saúde Laboral das comunidades autónomas galega, asturiana, cántabra e vasca acordaron desenvolver un traballo conxunto neste sector. Un sector que, sen dúbida, presenta especificidades en cada comunidade, aínda que o máis determinante e significativo son os seus puntos en común. Con este fin constituíuse un grupo multidisciplinar de técnicos e médicos para elaborar dito manual.

A guía estase a desenvolver en diferentes etapas. A primeira etapa, dirixida ás frotas artesanais e de baixura, publicouse no outono do 2011. A segunda, que aborda as actividades de marisqueo a pé, extracción de recursos específicos e actividades auxiliares á pesca, é a que se presenta neste volume; e queda unha terceira, en relación ás frotas de altura e grande altura, que se vai publicar a continuación desta.

A característica máis salientable desta segunda parte é que inclúe unha serie de artes extractivas e actividades relacionadas coa pesca nas cales a presenza da muller é predominante. As actividades económicas ocupadas por mulleres e, en consecuencia, os riscos laborais aos que poden estar expostas son, en moitas ocasións, diferentes aos dos homes, como o son tamén os danos á saúde, froito da segregación horizontal no traballo.

Por iso, a partir das matrices de fases, tarefas e subtarefas que caracterizan esta guía, proponse que as avaliacións de riscos que se efectúen en función destas incorporen a perspectiva de xénero e insístese en que se examinen as tarefas que verdadeiramente se realizan, tendo en conta quen as leva a cabo e cal é o auténtico contexto de traballo e evitando formular estimacións sobre a exposición a estes riscos baseadas na mera descrición ou na denominación do posto de traballo.

A vixilancia colectiva da saúde débese realizar desde esta perspectiva de xénero, analizando os datos de forma separada por sexos, para así poder lograr os seus verdadeiros obxectivos de valorar a importancia dos efectos dos riscos laborais, a súa frecuencia, gravidade e tendencia; establecer hipóteses causa-efecto entre os riscos laborais e os problemas de saúde derivados destes, incluídos os aspectos que concirnen á función reprodutiva e á maternidade; e dar prioridade a actividades de prevención e avaliar a efectividade destas medidas.

 En caso de que, por mor da configuración da impresora, se detecta algún problema de impresión das páxinas 51 a 60, recoméndase que para imprimir as ditas páxinas se empregue o arquivo "Matrices_Riscos_2ª parte"  nunha impresora formato A3.

 

Guía de vixilancia da saúde no sector pesqueiro. 2ª parte