Mércores, Xuño 30, 2021
A Xunta lanza unha nova campaña sobre o coidado da saúde emocional no traballo
- A campaña `Resgárdate dos riscos psicosociais na covid-19 en centros especiais de emprego´ busca levar divulgar os coidados e unha maior protección do benestar emocional nas persoas traballadoras con discapacidade
- A situación provocada pola pandemia do novo coronavirus precisa dunha maior atención dos efectos na saúde mental nas contornas laborais
- Continúa así o traballo do Goberno galego por acadar espazos laborais onde a formación e coidado físico e emocional sexan elementos imprescindibles, con especial atención ás persoas en risco de exclusión social
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2021. Unhas contornas de traballo máis seguras, con especial atención á saúde emocional e os coidados, son o núcleo da nova campaña do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) presentada pola directora do Issga, Adela Quinzá, hoxe en Santiago de Compostela. Esta iniciativa atópase dentro da macrocampaña Tod@s actitude sen risco, lanzada no 2019 e cuxo foco de traballo son os centros especiais de emprego asociados á Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (Cegasal).
A emerxencia da covid-19 non só cambiou a forma de facer as tarefas e de organizarnos ou relacionarnos no traballo, senón que tamén incidiu na saúde mental e no benestar emocional das persoas traballadoras nas súas contornas laborais. É por iso que, recolle esta campaña, recoñecer as situacións no traballo que poden ter consecuencias negativas para a saúde e que a empresa debe previr cun plan de actividades orientado a evitar estes riscos laborais.
Nos documentos da campaña, orientada a persoal traballador e xerentes dos centros especiais de emprego e persoas técnicas de prevención de riscos sociais indícanse, por exemplo, factores derivados da situación de pandemia no eido da empresa como poden ser a incerteza, a carga laboral ou o tempo dedicado a esta, con medidas preventivas coas que se queren paliar estas consecuencias como unha información fluída sobre os procedementos de realización de tarefas e a súa planificación ou o fomento do traballo non presencial cando sexa posible, respectando sempre o tempo de descanso. É aconsellable tamén, recolle esta iniciativa do Issga, crear espazos comúns de relación social nas empresas, facilitando momentos e lugares para ese propósito e contribuíndo deste xeito a fomentar espazos de benestar emocional na contorna laboral.
O Executivo galego persevera así no seu afán por acadar espazos máis seguros e con máis benestar para as traballadoras e traballadores, cun especial énfase na súa aposta polo emprego inclusivo en Galicia, proporcionando ferramentas para promover a integración laboral e a calidade no traballo das persoas con discapacidade e en risco de exclusión social.