Sinistralidade laboral_Trastornos musculoesqueléticos_Galicia_2018-2023
Un sobreesforzo físico, é aquel que se realiza por enriba da capacidade física normal dunha persoa determinada ao facer unha tarefa.
Os sobreesforzos físicos derivan no que se denomina "Trastornos Músculo-Esqueléticos" (TME). Os TME son alteracións de máis ou menos gravidade, que abarcan dende incomodidade, molestias ou dores ata cadros médicos máis graves que obrigan a solicitar a baixa laboral e mesmo a recibir tratamento médico. Poden afectar os músculos, articulacións, tendóns, ligamentos, ósos e nervios do corpo, xeralmente, das costas, extremidades superiores e inferiores.
A maior parte dos TME de orixe laboral vanse desenvolvendo co tempo e son provocados polo propio traballo ou pola contorna no que este leva a cabo. Tamén poden ser resultado de accidentes, por exemplo, fracturas e dislocacións.
Así pois, de acordo con isto último, unha parte dos TME que se orixinan no noso país ímolos atopar rexistrados como accidentes causados por sobreesforzos. Con todo, non están todos os TME, senón que, hai outra parte, que aparecen como enfermidades profesionais. Pero, aínda que o Cadro de Enfermidades Profesionais recolle algúns TME, ou mellor, algunhas enfermidades osteomioarticulares ou anxioneuróticas, como as tendinites ou a síndrome do túnel do carpo, non se inclúen trastornos tan frecuentes como as lumbalxias ou as dorsalxias ou outras afeccións das costas.
Os factores que habitualmente se considera que son causantes deste tipo de lesións son: a manipulación manual de cargas pesadas (de forma non axeitada, postural ou sen medios adecuados); traballar nunha postura forzada (o que pode provocar danos por torsión ou por momento de forza); movementos repetitivos e vibracións mecánicas (que por acumulación de pequenos danos, musculares, articulares ou óseos poden provocar danos maiores); movementos bruscos e posicións incorrectas de extremidades que provoquen elevadas tensións ou compresións sobre músculos nervios e ligamentos.
Fontes de información
Esta publicación elaborouse coa información obtida dos partes de accidentes de traballo, enfermidades profesionais e enfermidades relacionadas co traballo notificadas á autoridade laboral galega mediante os sistemas Delt@ (Declaración electrónica de traballadores accidentados), CEPROSS (Comunicación de enfermidades profesionais na Seguridade Social) e PANOTRATSS (Patoloxías non traumáticas) do persoal traballador afiliado á Seguridade Social que teña cubertas as ditas continxencias.