Este proxecto está enmarcado dentro do Plan anual de actividades do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e este á súa vez faino no Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014, onde entre as súas medidas se contempla o fomento da prevención e avaliación dos riscos psicosociais nas administracións ou organismos públicos. Así xorde coa intención de abordar o estudo da xestión de riscos psicosociais dende un punto de vista práctico, centrándose na fase de avaliación destes riscos.
O obxecto é comparar dous métodos de entre os máis estendidos e utilizados, pero con variacións significativas entre eles, para analizar as diferenzas, sobre todo, en canto a operatividade e sinxeleza no seu uso ou en interpretación dos resultados.
Para levalo a cabo, o ISSGA contou coa colaboración do Servizo de Prevención Propio da Xunta de Galicia, de Mugatra Sociedad de Prevención e de catro centros do Servizo de Dependencia e Autonomía Persoal da Xunta de Galicia:
- Residencia de Maiores "Torrente Ballester" na provincia de A Coruña
- Residencia de Maiores A Milagrosa na provincia de Lugo
- Residencia de Maiores "Nosa Sra. dos Miragres" Barbadas na provincia de Ourense
- Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes – Vigo na provincia de Pontevedra
Escolléronse catro centros da mesma rama de actividade e con características similares. A actividade socioasistencial e en concreto este tipo de centros de atención a persoas en situación de dependencia, pode presentar gran variedade de factores de risco psicosocial, como son os ritmos de traballo elevados e onde se dan picos de traballo, o traballo a quendas e traballo nocturno, a dobre presenza e onde ademais, cobra grande importancia o factor das relacións persoais, polo trato continuado con persoas e o posible desgaste emocional que pode levar consigo.
Os catro centros constitúen residencias de atención a persoas maiores pertencentes ao servizo de Dependencia e Autonomía Persoal da Xunta de Galicia e contan cun equipo que vai dende os 30 aos 266 traballadores, sendo na súa maioría mulleres. Dous dos centros prestan un servizo de atención a persoas dependentes e os outros dous a persoas con autonomía.

- Listado de Pdf's