Observatorio

Análise da saúde dos traballadores do sector da lousa na provincia de Lugo

O obxectivo é reflectir graficamente as patoloxías máis relevantes dos traballadores do sector. A análise baséase no estudo epidemiolóxico realizado no sector da lousa na provincia de Lugo entre outubro do 2010 e febreiro do 2011. Na provincia de Lugo encóntrase o segundo núcleo produtor de lousa de Galicia. Na actividade da extracción e transformación da lousa existen diversos factores de risco para a saúde dos traballadores, entre os que destacan a exposición a po de sílice, o ruído e os asociados á carga física derivada de posturas forzadas, de movementos repetitivos e de manipulación manual de cargas. O estudo fíxose sobre unha mostra de 169 traballadores das seis empresas máis representativas da provincia, que respondían ao criterio de dez ou máis anos de antigüidade en empresas do sector. Estableceuse un protocolo específico para o recoñecemento médico, do que se tomaron os datos para a obtención das conclusións.

Esta análise foi presentada polo ISSGA no 10º Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais (ORP 2012) que se celebrou os días 23, 24 e 25 de Maio de 2012 en Bilbao, organizado polo Instituto Vasco de Seguridade e Saúde Laboral (OSALAN).