Xoves, Xuño 30, 2011
Xuntanza dos Institutos de Seguridade e Saúde Laboral de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia para a publicación dunha "Guía para a vixilancia da seguridade e a saúde no sector pesqueiro"
Na reunión que tivo lugar o 28 de xuño na sede do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral - ISSGA na Casa da Parra - Santiago de Compostela, os Institutos de Seguridade e Saúde Laboral de Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia realizaron importantes avances nos traballos que culminarán coa publicación da primeira fase da "Guía para a vixilancia da seguridade e a saúde no sector pesqueiro" destinada ás flotas de baixura e artesanal.
Estes castro Institutos veñen desenvolvendo dende hai anos actividades no campo da prevención de riscos laborais en beneficio dos empresarios e traballadores das súas respectivas comunidades autónomas.
A pesca é unha das realidades comúns que está intimamente ligada á vida social e económica das catro comunidades autónomas. Así, as Direccións dos Institutos de Seguridade e Saúde Laboral situados no litoral Cantábrico Noroeste de España decidiron colaborar e xuntar esforzos para aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles e acordaron desenvolver un traballo conxunto neste sector: un sector que presenta, sen dúbida, especificidades puntuais en cada comunidade, pero cuxos puntos en común son o máis significativo e determinante.
As Direccións dos Institutos Galego, Asturiano, Cántabro e Vasco conscientes da necesidade de abordar a cuestión da vixilancia da saúde nun sector tan importante nas economías de cada unha das comunidades autónomas, sector no que xa estaban a desenvolver outros proxectos preventivos, tomaron a decisión de impulsar a elaboración dunha Guía de Vixilancia da Saúde, encargando a súa elaboración a un grupo multidisciplinar de técnicos e médicos dos Institutos participantes, os que fieis aos principios de Riscos Laborais a desenvolveron paso a paso, é dicir, dende o coñecemento dos postos de traballo e dos riscos asociados ao seu desempeño ata a vixilancia da saúde específica destes, tal e como vén definida na mencionada Lei.
A Guía vaise ir desenvolvendo en diferentes fases; na primeira delas, que xa está nunha fase moi avanzada, abordarase a vixilancia da saúde no ámbito das frotas de baixura e artesanal. Trátase da primeira entrega dunha serie que culminará coa abordaxe das actividades de marisqueo a pé e actividades auxiliares á pesca, así como as flotas de altura e grande altura.
O obxectivo desta Guía é o de ofrecer orientación e instrumentos para implantar de forma adecuada a vixilancia específica da saúde dos traballadores no sector pesqueiro, de tal forma que poida garantirse o seu dereito á protección eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo.