Novas

Luns, Abril 24, 2023

Xuntanza de coordinación en materia de amianto entre o Issga e Inspección de Traballo e Seguridade Social

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023.

Hoxe tivo lugar unha reunión na que participou persoal da Subdirección Técnica e de Planificación e dos centros territoriais do Issga e persoal da  Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS) das catro provincias galegas.

As empresas que traballan con amianto deben dispor dun plan de traballo aprobado pola autoridade laboral que debe describir con detalle o traballo que van realizar, este plan é revisado por persoal técnico do Issga e por persoal da ITSS co obxecto de comprobar que cumpre con todos os requisitos necesarios impostos pola lexislación para protexer os traballadores, a outras persoas e ao medio ambiente deste contaminante.

O Issga, que ademais realiza todas as xestións relacionadas coa tramitación dos plans de amianto para a súa aprobación, acaba de actualizar a súa instrución interna que recolle novos criterios e directrices para a aprobación de plans de traballo tendo en conta a recente actualización da guía técnica de amianto do INSST. Na reunión abordáronse os aspectos da nova instrución que afectan tanto ao informe emitido polo Issga como o emitido por ITSS de cara a compartir estes criterios e traballar en definitiva na mellora continua, coordinación e uniformidade das actuacións nesta materia.

Para xestionar as autorizacións dos traballos con risco por amianto en Galicia as empresas deben dirixirse ao Issga: https://issga.xunta.gal/gl/portais-tematicos/amianto

As actuacións deste instituto nesta materia recóllense nas fichas 5.11. “Coordinación para a análise e propostas de actuacións para a retirada de amianto” e 5.12. “Traballos con risco por amianto. Programa integral “alerta_pode haber amianto”, do noso plan de actuación 2023: https://issga.xunta.gal/gl/biblioteca/plan-de-actuacion-2023