Novas

Luns, Outubro 26, 2026

A Xunta salienta o papel do Issga no impulso da prevención e o benestar laboral

imaxe do foro

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2026

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na apertura do foro Regreso ao futuro da prevención dos riscos laborais, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), en colaboración coa Xunta e a Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais. Durante a súa intervención, puxo en valor o novo Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, que contempla un total de 37 medidas e no que o Issga actúa como organismo técnico de referencia.

Neste sentido, destacou que entre as prioridades do plan figura o reforzo da actividade preventiva, con especial atención aos trastornos musculoesqueléticos e aos riscos psicosociais, sen descoidar a loita contra a sinistralidade laboral, as enfermidades profesionais e os riscos emerxentes asociados aos cambios tecnolóxicos e climáticos. Trátase de avanzar —sinalou— cara a contornas de traballo máis seguras e saudables, anticipándose aos novos desafíos e promovendo unha cultura preventiva que contribúa a mellorar a calidade de vida das persoas traballadoras. Ademais, Quinzá-Torroja salientou que o plan contempla tamén a creación da figura da coordinadora ou coordinador de reincorporación, un profesional público de perfil sociolaboral que acompañará as persoas traballadoras no proceso de retorno ao emprego tras unha baixa laboral.