Luns, Maio 10, 2021
A Xunta salienta o esforzo do tecido empresarial galego para garantir a seguridade e saúde laboral durante a pandemia
- A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe nun webinario sobre as novidades normativas de seguridade e saúde laboral
- Lembrou que “a pandemia obrigou a coordinar esforzos na xestión das organizacións co fin de minimizar riscos mediante respostas áxiles e eficaces”
- A unidade de referencia covid activada pola Xunta atendeu cerca de mil consultas e elaborou 77 documentos para garantir a seguridade nos centros de traballo
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2021. A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe nun webinario sobre a nova normativa en materia de xestión da seguridade e da saúde laboral no traballo adaptada ao contexto da pandemia, na que subliñou o importante esforzo do tecido empresarial galego para adaptarse as condicións cambiantes provocadas pola covid-19 para minimizar a súa incidencia no seo das organizacións.
Na xornada, organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) en colaboración con Fremap, abordouse o contido da denominada norma ISO/PAS 45005: 2020 que proporciona pautas ás organizacións para protexer a saúde, a seguridade e o benestar relacionado co traballo ante os riscos derivados da covid-19. Tal e como lembrou Mancha na súa intervención, a norma ten un “alcance global” e abrangue a “todo tipo de sectores de actividade e situación operativa, ás empresas que tiveron que parar este tempo pola pandemia e retoman agora a súa actividade e ás que estiveron activas estes meses”.
Segundo relatou a directora xeral, a adaptación das empresas e organizacións a esta norma “permitirá demostrar que está a abordar os riscos relacionados coa covid-19 utilizando un enfoque sistémico”.
“A pandemia obrigou a coordinar esforzos na xestión das organizacións co fin de minimizar riscos mediante respostas áxiles e eficaces coa finalidade de diminuír a transmisión do virus e garantir a seguridade das persoas traballadoras e outras partes interesadas como persoal subcontratado, clientes, provedores...”, especificou Mancha que subliñou o esforzo do tecido empresarial galego que neste tempo tivo que adaptarse á nova realidade aplicando as mellores prácticas para cumprir coas esixencias legais en cada momento.
“Desde finais de decembro de 2020 as empresas contan coa norma ISO/PAS 45005 que lles proporciona, cando menos, un marco de actuación que prevé respostas aos cambios durante as diferentes etapas da pandemia”, dixo Mancha.
Tal e como relatou a representante da Xunta, a planificación preventiva, a identificación de riscos no seu contexto e o coñecemento exhaustivo dos lugares de traballo físico están a ser fundamentais para minimizar a incidencia da covid-19 no eido laboral e, sobre todo, “permitir unha resposta rápida e efectiva aos cambios derivados da pandemia que permita continuar coas operacións na medida das posibilidades”.
Unidade covid
A directora xeral puxo en valor, por outra banda, a importante tarefa despregada pola Unidade de Referencia Covid creada no mes de decembro pola Consellería de Emprego e Igualdade para dar resposta ás pequenas e medianas empresas e ao emprego autónomo ante a irrupción da pandemia.
Este apoio traduciuse na atención a 836 consultas técnicas recibidas e na elaboración e difusión de 77 documentos (guías, recomendacións preventivas e protocolos tipo por sectores) para posibilitar o desenvolvemento das diferentes actividades coas máximas garantías de seguridade nos centros de traballo.
A unidade abrangue áreas técnicas de Hixiene Industrial e Medicina do Traballo co apoio das áreas de Ergonomía e Psicosocioloxía aplicadas, Seguridade no Traballo e Formación, Divulgación e Documentación.
Trátase dunha unidade interna do Issga en coordinación coa autoridade sanitaria que, ademais dos interlocutores sociais, ten como beneficiarios os servizos de prevención de riscos laborais, as asociacións profesionais, as empresas, o emprego autónomo e as administracións públicas.