Novas

Luns, Marzo 09, 2026

A Xunta reúne hoxe o Consello Reitor e a Comisión de Igualdade do instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia para consolidar actuacións en 2026

imaxe consello reitor

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2026

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, acompañado pola xerente do instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, presidiu hoxe unha nova sesión ordinaria do Consello Reitor do Issga, no mesmo día no que se reúne tamén —co gallo do 8M, Día Internacional das Mulleres celebrado onte— a Comisión constituída polo organismo cos axentes sociais para a integración da igualdade na prevención de riscos laborais.

En concreto, nas xuntanzas faise balance do ano pasado abordando o Plan de actuación do Issga para 2026, no segundo caso facendo fincapé nas accións destinadas a garantir a integración da perspectiva de xénero na prevención de riscos nas contornas de traballo, tendo en conta que homes e mulleres teñen condicións socioeconómicas diferentes que implican tamén riscos e problemáticas distintas en materia de seguridade e saúde laboral. Nesa liña, cómpre afondar nas actuacións específicas para actividades e sectores feminizados, especialmente cando as mulleres traballadoras estean en situación de embarazo, parto recente ou lactación.