mércores, Xuño 29, 2022

A Xunta promove en Vilalba un novo curso para a prevención de riscos laborais no ámbito forestal

  • O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) imparte desde mañá un curso gratuíto de tres xornadas para aumentar a seguridade no uso da motoserra e da rozadoira nas tarefas forestais
  • Estas dúas ferramentas atópanse entre as máquinas de traballo que maior sinistralidade ocasionan no sector forestal, estratéxico para a economía galega

Vilalba (Lugo), 29 de xuño de 2022. O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) dá comezo mañá en Vilalba (Lugo) a un curso para a prevención de riscos laborais no manexo seguro da motoserra e rozadoira. A formación impartirase durante as mañás en tres xornadas, de xeito gratuíto para os seus quince alumnos.

O curso ten a finalidade de lograr a plena integración da prevención en todos os labores, procesos e actividades do ámbito forestal, desde antes do comezo do traballo ata a desmontaxe da maquinaria sen esquecer o seu mantemento e sistemas de seguridade. Deste xeito, o plan específico do Issga pretende instruír ás persoas traballadoras e profesionais do sector nunha cultura preventiva para diminuír os accidentes laborais nestas tarefas de especial risco ao tempo que se mellora a calidade do traballo.

O programa desta acción formativa céntrase no manexo seguro da motoserra e rozadoira, dúas das principais máquinas causantes de accidentes laborais no sector. Tamén se inclúen contidos sobre a vespa velutina ou o protocolo PAS (Protexer, Avisar e Socorrer). A formación complétase facendo fincapé na importancia da planificación das tarefas e a coordinación e comunicación entre as diferentes cuadrillas e empresas que comparten lugar de traballo.

As actividades terán un carácter principalmente práctico para achegarse o máximo posible á realidade diaria destes traballos. Unha das particularidades é que os contidos tamén estarán dispoñibles en romanés, pois hai un colectivo importante de persoas traballadoras dese país no sector.

Vilalba foi elixida sede do curso pola importancia do ámbito forestal na zona e a alta demanda deste tipo de formación por parte dos profesionais do sector. O concello de Lemos acolle o segundo dos seis cursos que conforma o ciclo do Issga por toda Galicia, tras rematar hoxe a primeira edición en Ourol (Lugo).