Novas

Xoves, Marzo 17, 2022

A Xunta presenta unha nova campaña para previr o risco químico nos centros de peiteado e beleza

A Xunta presenta unha nova campaña para previr o risco químico nos centros de peiteado e beleza
  • O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) presentou hoxe no salón de prevención e seguridade laboral Previsel de Ourense esta iniciativa que ten por título ‘Corta o risco químico, peitea con seguridade’

Ourense, 17 de marzo de 2022. A Xunta de Galicia desenvolverá unha nova acción para alertar e previr o risco químico ao que se expoñen a diario as persoas traballadoras dos salóns de peiteado e outros centros de beleza. A campaña, que leva por título Corta o risco químico, peitea con seguridade, foi presentada hoxe polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) no marco da feira Previsel sobre prevención de riscos que se celebra en Ourense.

As persoas que traballan neste sector poden padecer patoloxías respiratorias e dermatite, que poden ter orixe alérxica debido ás substancias químicas presentes nos produtor que manipulan. Determinar a existencia deste risco en cada posto de traballo é unha obriga das empresas, para poder fixar medidas de prevención.

O Issga deseñou documentación técnica que proporciona información ás persoas que exercen este oficio, axudándoas a identificar ingredientes potencialmente nocivos cos que traballan, así como prácticas inadecuadas e condicións non óptimas dos locais, co obxectivo de poder realizar as correspondentes correccións.

A campaña dos salóns de peiteado enmárcase no plan de actuacións do Issga para este ano, dirixidas a sectores específicos para que acaden unha verdadeira cultura da prevención.

Con esta iniciativa a Xunta segue a incidir na prevención de riscos en sectores feminizados e con atención especial ás pequenas e medianas empresas e ao emprego autónomo.

Os materiais elaborados para a campaña (vídeo, carteis, documento informativo e material promocional) difundiranse entre o persoal traballador do sector a través dos propios establecementos, e tamén entre o alumnado dos ciclos de FP e das academias de formación. Para facelo, a Xunta contará co apoio das asociacións sectoriais, así como coas entidades representativas do colectivo das persoas traballadoras autónomas e asociacións de empresarios e de centros de formación.

Todas estas actuacións completarase coa impartición de formación preventiva con obradoiros de 4 horas de duración dirixidos ao persoas, e tamén a través do fomento de prácticas seguras.

Ligazóns de interese

Máis información da campaña