Venres, Outubro 18, 2024
A Xunta pon o foco no benestar mental no ámbito laboral no marco da Semana Europea para a seguridade e a saúde no traballo
-
A xerente do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), Adela Quinzá-Torroja, inaugurou a xornada Como abordar a promoción da saúde mental no traballo
Redondela (Pontevedra), 18 de outubro de 2024
A xerente do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), Adela Quinzá-Torroja, inaugurou esta mañá a xornada Como abordar a promoción da saúde mental no traballo, organizada pola Xunta en colaboración con MC Mutual e celebrada no marco da Semana Europea para a seguridade e a saúde no traballo.
O obxectivo desta xornada -dirixida aos profesionais da prevención, mandos directivos e intermedios, delegados de prevención e persoas traballadoras- é concienciar a empresas e entidades sobre a necesidade de coidar a saúde mental das persoas empregadas, incidindo en que os beneficios da xestión integral da saúde das persoas traballadoras reflíctense tanto a nivel individual como a nivel organizativo -en termos de produtividade, calidade do produto ou servizo ou competitividade- e en beneficio da propia sociedade no seu conxunto.
Neste senso, o Issga ven contribuíndo nos últimos anos a ampliar a Rede Española de Empresas Saudables (RESS) e ofrecer estratexias para a promoción de hábitos saudables nas organizacións, fomentando a creación de espazos laborais que protexan, promovan e apoien a seguridade e saúde no traballo e o benestar das persoas traballadoras para acadar traballadores e traballadoras sans en empresas saudables.
Ademais, a Estratexia de seguridade e saúde no traballo de Galicia: Horizonte 2027, incorpora medidas e liñas de acción concretas orientadas a potenciar a promoción da saúde no traballo e a consecución do benestar laboral nos lugares de traballo.