Sábado, Novembro 23, 2024
A Xunta pon de relevo na V "Xornada Galega de Actualización en Enfermería do Traballo" o labor preventivo deste colectivo na saúde laboral
Lugo, 23 de novembro de 2024
A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na V Xornada Galega de Actualización en Enfermería do Traballo. No acto, aproveitou para poñer en valor o labor no eido da saúde laboral da Asociación de especialistas en enfermaría do traballo en Galicia -que organiza o evento no que se abordan aspectos como a intelixencia artificial ou os riscos psicosociais-, en liña co impulsado desde o Issga a través de múltiples vías.
Nese senso, a xerente destacou o traballo da Xunta no ámbito preventivo a través do asesoramento técnico; campañas por sectores, riscos ou colectivos; accións formativas, participación en estudos de saúde laboral e en grupos de traballo para xerar coñecemento. Tamén afondando na investigación dos accidentes laborais e das enfermidades profesionais neste ou noutros sectores, co gallo de avanzar nun tecido empresarial que aposte pola seguridade, pola saúde e pola sustentabilidade no ámbito do traballo, unha premisa vital -dixo- que se está a promover desde o Goberno autonómico no marco da Estratexia de seguridade e saúde no traballo de Galicia horizonte 2027.