Novas

Xoves, Marzo 10, 2022

A Xunta ofrecerá formación gratuíta básica en prevención de riscos a máis de 1.000 traballadores

  • A Consellería de Emprego e Igualdade desenvolve o primeiro dos cinco cursos de prevención de riscos laborais de nivel básico que lanzará este ano a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) con 1.100 prazas en total
  • A Xunta quere fomentar o uso seguro e a correcta utilización dos equipos de traballo

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022. A Consellería de Emprego e Igualdade está a ofrecer, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), o primeiro curso de formación gratuíta sobre prevención de riscos laborais de nivel básico no que toman parte 300 alumnas e alumnos.

A actividade, que se desenvolve de maneira virtual ata o próximo 6 de maio, é a primeira formación das cinco previstas sobre a materia que despregará este ano o Issga no marco do seu Plan de Actuacións para 2022, e nas que ten previsto ofertar un total de 1.100 prazas. Dúas destas convocatorias terán carácter especializado, como a que se estrea a semana que vén, co foco posto na seguridade en actividades de tempo libre -que se desenvolverá en colaboración coa Consellería de Política Social- ou a prevista para o último trimestre do ano, dirixida a persoas traballadoras autónomas.

A través destes cursos a Xunta quere promover comportamentos seguros e a correcta utilización de equipos de traballo e protección, á vez que fomenta o interese e cooperación das persoas traballadoras nas accións preventivas.

Grazas á formación de 60 horas, alumnas e alumnos sairán cualificados para realizar avaliacións elementais de riscos e, no seu caso, establecer medidas preventivas compatibles co seu grao de formación. Poderán colaborar, asemade, na avaliación e o control dos riscos xerais e específicos da empresa (efectuando visitas para o efecto), atender queixas e suxestións, rexistrar de datos e outras funcións análogas.

Os cursos inclúen tamén formación para saber actuar en caso de emerxencias e primeiros auxilios e como cooperar cos servizos de prevención das organizacións.

A formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura da prevención, á que quere contribuír o Goberno galego.

A información desta e doutras actividades de formación do Issga está a dispor das persoas interesadas no enderezo web: issga.xunta.gal.