sábado, Xuño 4, 2022

A Xunta ofrece talleres de balde para a prevención de riscos laborais nos traballos de axuda a domicilio e de atención a persoas con dependencia

A Xunta ofrece talleres de balde para a prevención de riscos laborais nos traballos de axuda a domicilio e de atención a persoas con dependencia
  • O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) organiza desde hoxe oito talleres ao longo de todo o territorio e que estarán abertos a toda aquela persoa vinculada co sector

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2022. Arranca hoxe en Monterrei e Viana do Bolo (Ourense) o ciclo de talleres promovidos pola Xunta para fomentar o coñecemento para un traballo seguro na atención a domicilio das persoas maiores e dependentes. A programación realizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) inclúe contidos teóricos para informar dos riscos ergonómicos, biolóxicos e psicosociais, que se complementan coas aplicacións prácticas das técnicas preventivas.

O piar dos seminarios céntrase na saúde musculoesquelética das traballadoras e dos traballadores polas sobrecargas ás que poden estar expostos; por iso, ofrécense alternativas e axudas técnicas que lles facilite a súa labor sen supor un risco para a súa saúde. Ademais, o programa non esquece a importancia da saúde mental das persoas nin a situación actual da pandemia, pois englóbanse prácticas para reducir o estrés e de técnicas de uso de equipo de protección individual (EPI).

Os traballos de axuda a domicilio e de atención ás persoas dependentes englóbanse nun dos sectores máis feminizados e que esixe ás traballadoras un gran esforzo físico e mental. Por iso, faise preciso establecer un programa específico para mellorar as condicións de seguridade e saúde laboral das empregadas, xa que o seu benestar repercutirá tamén de forma positiva nas persoas baixo a súa atención.

Os talleres desenvolveranse en oito concellos (dous por provincia) que foron elixidos pola súa elevada taxa de poboación de persoas maiores respecto á poboación total. Deste xeito, o ciclo comeza hoxe en Monterrei e Viana do Bolo (Ourense) e chegará ao longo dos próximos meses aos concellos coruñeses de Fene e Malpica; a Triacastela e O Saviñao na provincia de Lugo; e a Forcarei e Cuntis, os concellos elixidos en Pontevedra. Durante catro xornadas, as persoas con vinculación laboral ou formación na materia poderán desfrutar destas 16 horas desta cualificación gratuíta. Amais, as posibles vacantes estarán a disposición de toda aquela persoa interesada neste ámbito.