Novas

Venres, Marzo 18, 2011

A Xunta investiu 615.000 euros en renovar e modernizar o centro do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral na Coruña

  • Entre outras novidades, habilitáronse novos espazos para o desenvolvemento de todas as especialidades preventivas, en concreto, para a ergonomía e a psicosocioloxía
  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou o centro tras a reforma dalgunhas das súas zonas
  • Ademais, dotouse de novos aparatos ao equipo de medicina no traballo e análises clínicas, e realizouse unha “forte aposta” pola informatización

A Consellería de Traballo e Benestar investiu 615.00 euros, nos últimos dous anos, na renovación das instalacións do centro do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) da cidade da Coruña. Entre outras melloras, habilitáronse novos espazos e instrumentos, e reforzouse a informatización.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou o pasado día 14 estas instalacións renovadas. A través destas obras, solucionáronse problemas estruturais e de acceso ao centros e fíxose máis accesible ás persoas con algún tipo de dificultade de mobilidade.

Segundo explicou Mato, grazas a esta reforma, habilitáronse novos espazos que permiten o desenvolvemento de todas as especialidades preventivas. Concretamente, apuntou, para a “ergonomía e a psicosocioloxía, o que permitirá dar unha resposta adecuada aos denominados riscos emerxentes no eido da saúde laboral”.

Ademais, tamén se dotou de novos aparatos ao equipo de medicina do traballo e de análises clínicas, así como ao equipo de ergonomía. Todo isto súmase a unha “forte aposta” pola informatización para “ser máis áxiles e eficientes nos importantes labores técnicos que as dúas especialidades requiren”.

O obxectivo é continuar avanzando con “paso firme” na prevención de riscos. Nesta liña de actuación, encádranse estes novos equipamentos, xunto coa elaboración do mapa de riscos ergonómicos de Galicia e a intensificación da investigación das enfermidades profesionais.

“Por iso, desde o Goberno galego, seguimos traballando no reforzamento do ISSGA, órgano técnico en materia de riscos laborais, conscientes de que ocupa unha das áreas de maior sensibilidade social e compromiso compartido por todos os implicados no mundo do traballo”, salientou Mato.

A conselleira inscribiu tamén neste compromiso firme coa prevención de riscos laborais o feito de que a Estratexia para a prevención de riscos laborais 2011-2013 fora consensuada no seo do Diálogo Social cos axentes sociais e económicos.

Centro da Coruña

O centro do ISSGA na Coruña, ao igual que as súas outras sedes do territorio galego, desempeña unha actividade técnica constante na prevención de riscos laborais. Entre outras actuacións, tramita partes de accidentes de traballo e leva a cabo tamén a investigación dos mesmos, en colaboración coa Fiscalía de Galicia e coa Inspección de Traballo e Seguridade Social.

O ISSGA e os seus centros territoriais tamén se encargan de facer un seguimento as grandes obras e de levar a cabo actuacións no sector pesqueiro.Tamén desenvolven o seu labor na área de medicina do traballo, con recoñecementos médicos e probas complementarias, ao tempo que levan a cabo cursos e xornadas formativas, tanto de difusión como de carácter interno.

A modo de balance, Mato destacou que o ano pasado este centro realizou 200 visitas a lugares onde se rexistrou algún accidente de traballo grave ou mortal, emitindo máis dun centenar de informes. Así mesmo investigáronse 114 enfermidades profesionais co fin de determinar as causas que as producen e, en consecuencia, evitar a súa repetición, adoptando as medidas correctoras que sexan necesarias.

No plan de seguimento de grandes obras, cabe destacar, entre outras, as visitas e actuacións na autovía de Carballo-Fisterra, nas obras do AVE, no porto exterior da Coruña, no de Ferrol, no centro Marineda Plaza o na terceira rolda. En total, dentro deste protocolo de colaboración, realizáronse máis de 120 actuacións, máis de 30 visitas e 26 requerimentos.

Tamén se actuou en 116 empresas que concentran os maiores índices de sinistralidade na provincia (construción, fábricas de elementros metálicos, maquinaria, procesado de madeira e transportes) coas que se realizaron un total de 160 actuacións (visitas, asesoramento e mesmo requerimentos de ser o caso).

Por último, Mato destacou que Galicia pechou 2010 cun 7,7 por cento menos de accidentes laborais que en 2009. En total rexistráronse na Comunidade autónoma 36.430 sinistros, 3.069 menos que no exercicio anterior.