Novas

Mércores, Novembro 02, 2022

A Xunta inicia en Chantada un programa piloto para incidir na prevención de riscos entre o alumnado participante nos obradoiros duais de emprego

  • O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) impartirá este xoves unha xornada especialmente dirixida á prevención dos riscos musculoesqueléticos e psicosociais nos traballos de coidado de persoas dependentes
  • A actividade impartirá tamén formación en primeiros auxilios a todo o alumnado do obradoiro ‘Serra do Faro VII’ de atención sociosanitaria, xardinería e albanelería
  • O Goberno galego quere integrar a cultura preventiva nestas iniciativas dirixidas a que persoas desempregadas reciban cualificación á vez que desenvolven unha actividade productiva de utilidade pública ou interese social

Chantada (Lugo), 2 de novembro de 2022. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), impartirá mañá xoves, 3 de novembro, unha xornada de prevención de riscos laborais para o alumnado que se forma nas especialidades de atención sociosanitaria, xardinería e albanelería no obradoiro dual de emprego Serra do Faro VII, compartido polos concellos de Chantada e Carballedo.

A actividade, que se imparte como proxecto piloto, quere incidir nas medidas ergonómicas e de prevención de riscos no coidado das persoas dependentes e ofrecer a todas as persoas participantes no obradoiro formación en primeiros auxilios.

O Issga está a implicarse na integración da prevención de riscos laborais na formación que se imparte nos obradoiros de emprego. O seu persoal técnico desprázase, neste caso a  Chantada, para expoñer ao alumnado do módulo de atención sociosanitaria a campaña dirixida ao coidado das persoas con dependencia.

Daranse a coñecer os principais riscos e medidas de prevención para evitar a aparición de danos para a saúde nesta actividade laboral que se ocupa do coidado das persoas, altamente feminizada e que seguirá en incremento nos vindeiros anos. Utilizarase como base o material elaborado polo Issga para esta campaña co obxectivo de incidir na correcta xestión dos riscos dende tres enfoques principais: a prevención dos trastornos musculoesqueléticos, os riscos biolóxicos e os riscos psicosociais.

A primeira parte da xornada focalizada na área dos coidados celebrarase entre as 10,30 h.  e as 12,30 h. e abordará explicacións acerca de como mobilizar persoas, evitar contaxios de enfermidades ou que facer ante caso de accidentes, como as salpicaduras con fluídos, para a prevención do risco biolóxico. Durante o cursos prestarase especial atención aos riscos psicosociais das persoas traballadoras na área dos coidados.

Á segunda parte da sesión, que se celebrará entre as 13,00 h. e as 14,00,  incorporarase tamén o alumnado de albanelería e xardinería que recibirá formación en primeiros auxilios impartida por persoal de enfermaría do Issga. Neste caso abordaranse as actuacións e técnicas a aplicar cando é necesario atender a unha persoa accidentada, para actuar con inmediatez ata a chegada do equipo médico profesional para non agravar as lesións producidas e incluso poder salvarlle a vida.

A Xunta quere introducir a cultura preventiva en etapas anteriores á incorporación das persoas á actividade laboral co obxectivo de xerar unha conciencia preventiva integrada no traballo. O Issga, así, está a desenvolver actividades que teñen por finalidade mellorar a información, sensibilización e formación en prevención, tanto nas etapas educativas como nos diferentes cursos de formación e capacitación para o emprego.

Neste caso as actuacións poñen o foco nos obradoiros duais de emprego, accións dirixidas a que persoas desempregadas reciban cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social.