Domingo, Outubro 24, 2021
A Xunta incidirá na Semana Europea da Seguridade e Saúde no Traballo na importancia de previr os trastornos musculoesqueléticos de orixe laboral
- O Instituto de Seguridade e Sáude Laboral de Galicia (Issga) organiza o martes 26 a Escola de Costas, unha xornada para a prevención da patoloxía raquídea, e o xoves 28, un taller práctico sobre o uso do exoesqueleto, un equipo deseñado para prestar asistencia física durante tarefas que supoñan sobreesforzos ou posturas mantidas
- A Semana Europea da Seguridade e Saúde no Traballo celébrase desde mañá e ata o próximo venres 29 de outubro baixo o lema Traballos saudables: relaxemos as cargas
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2021. A Xunta únese á celebración da Semana Europea da Seguridade e Saúde no Traballo, que ten lugar desde mañá e ata o próximo venres 29, coa organización de dúas actividades que incidirán na importancia de previr os trastornos musculoesqueléticos de orixe laboral non só para protexer aos traballadores e traballadoras, senón para mellorar a competitividade das empresas, reducir as baixas por enfermidade e aumentar a produtividade.
Os trastornos musculoesqueléticos son responsables de máis dun terzo dos accidentes de traballo con baixa e de máis da metade das enfermidades profesionais en España. Son, ademais, o problema de saúde relacionado co traballo máis frecuente en Europa. A Semana Europea da Seguridade e Saúde no Traballo desenvólvese por iso este ano baixo o lema Traballos saudables: relaxemos as cargas.
Neste senso, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) lembra, ademais, que os efectos de traballar en situación de pandemia -en particular nas ocupacións chamadas ‘esenciais’- e o incremento do teletraballo terán previsiblemente un maior impacto no número destes trastornos, que producen alteracións nos músculos, articulacións, tendóns, ligamentos, nervios e ósos; e afectan principalmente ás costas, pescozo, ombreiros e extremidades superiores.
Deste xeito, o Issga organizará o martes 26 unha sesión da Escola de costas, unha xornada técnica, en formato webinario, na que se levará a cabo unha actividade do taller para a prevención da patoloxía raquídea e na que se remarcará o impacto que supuxo o teletraballo non planificado derivado da emerxencia sanitaria. Esta actividade, organizada en colaboración con MC Mutual, está dirixida a técnicos de prevención de riscos laborais, delegados de prevención, axentes sociais, empresarios, persoal traballador e persoas con interese na materia.
Exoesqueletos
O xoves 28, doutra banda, terá lugar o taller práctico Innovación para introducir boas prácticas para a prevención de trastornos musculoesqueléticos no traballo. Sistema MOCAP (Motion Capture) Exoesqueleto. Esta actuación será presencial, no centro do Issga na Coruña, e tamén se celebrará por videoconferencia. A actividade ten por obxecto sensibilizar e informar sobre un tema innovador, os exoesqueletos, un equipo deseñado para axudar aos traballadores e traballadoras na realización de determinadas tarefas, aliviando aquelas partes do corpo expostos a sobreesforzos ou posturas mantidas.
Estes equipos dispoñen dunha estrutura ríxida, con partes articuladas, conxuntos de peiraos e/ou amortecedores, que se colocan sobre o corpo da persoa e se axusta a través de cintas coa axuda de hebillas e velcros. Os exoesqueletos aplicados ao ámbito industrial están pensados para ofrecer apoio adicional á persoa que o utiliza. Esta axuda consiste en aliviar determinadas zonas do corpo que se poden ver afectadas pola realización de forzas continuadas, xa sexan de manipulación de cargas, ou ben derivadas de posturas repetidas ou mantidas durante a xornada laboral.
Estes equipos, polo tanto, permiten aliviar a carga sobre as costas ou as extremidades superiores, distribuíndo o peso a través das partes que configuran o exoesqueleto cara a outras zonas con maior potencia muscular, xeralmente as pernas. Un exoesqueleto, se é adecuado á tarefa e se utiliza correctamente, pode reducir a carga soportada por algún grupo muscular, inda que as cargas manipuladas ou soportadas serán as mesmas que sen a súa axuda.
A tecnoloxía MOCAP, ademais, permite poñer ao día a observación mediante a monitorización dos movementos realizados por unha persoa no desenvolvemento das tarefas que conforman a súa actividade laboral. O uso desta ferramenta permitirá, así, ampliar a información obtida da observación, captando imaxes da realización da tarefa e xerando animacións 3D e gráficas de amplitude de movemento das articulacións. Grazas a esta información, poderanse detectar as tarefas de alta esixencia física e determinar medidas que eviten lesións á persoa traballadora.
Esta xornada, que a Xunta organiza en colaboración con Asepeyo, vai destinada tamén a técnicos de prevención de riscos laborais, delegados de prevención, axentes sociais, empresarios, persoal traballador e persoas con interese na materia.