Venres, Marzo 19, 2021
A Xunta incide no uso seguro da maquinaria e na prevención ante a vespa velutina como riscos laborais da actividade forestal
- A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, presidiu unha nova xuntanza do grupo de traballo de prevención de riscos no ámbito forestal que xunta a empresas e Administración
- A Xunta quere implicar a toda a cadea produtiva para que a prevención de riscos no monte sexa obxectivo primordial deste sector estratéxico
- O Plan de actividades do Issga en 2021 inclúe o sector forestal como prioritario
- As operacións de tala e poda de árbores concentran os maiores índices de sinistralidade laboral no sector nos últimos anos
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2021. O grupo de traballo do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para a prevención de riscos laborais no sector forestal vén de celebrar en Santiago de Compostela unha nova xuntanza para actualizar a abordaxe da sinistralidade no desempeño de traballos no monte.
Na reunión, presidida pola xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja, anunciouse a posta a dispor das empresas de ferramentas informativas sobre o uso seguro e con distancia de maquinaria nas explotacións como as colleitadoras, motoserras ou autocargadores. Tamén se avanzou na activación de campañas de promoción do uso seguro do tractor para evitar o seu volteo.
Nesta época en concreto, reforzaranse as mensaxes sobre o perigo que ocasiona a vespa velutina, á que o Issga dedicará unha campaña específica que levará carteis ad hoc ás empresas do sector.
Tal e como destacou Quinzá-Torroja, cómpre traballar para mellorar a prevención de riscos laborais neste sector, tendo en conta que existen diferentes factores que inciden no risco das actividades desenvolvidas no monte, como son o uso de maquinaria, a propia percepción do risco, a complexidade na planificación dos traballos ou a coincidencia de varias empresas traballando no mesmo espazo.
Na análise do Issga, os maiores índices de sinistralidade nesta actividade en Galicia nos últimos anos concentráronse nas operacións de tala e poda. O Plan de actividades do Instituto para 2021 marca como prioridade as actuacións dirixidas a atallar os accidentes nestes procesos.
En 2020, a sinistralidade laboral no sector silvícola e forestal diminuíu un 17,3% respecto de 2019 (607 accidentes), cun total de 500 sinistros rexistrados.
Para avanzar na consolidación dunha auténtica cultura da prevención no sector forestal, a Xunta creou xa en 2017 un grupo técnico de especialistas en seguridade e saúde laboral, maioritariamente formados en enxeñaría forestal e prevención. Integran esta rede persoal da Xunta e representantes da Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madera de Galicia (Fearmaga) e de firmas como Ence ou Finsa, referentes na transformación de madeira en España.
Trátase de implicar a toda a cadea produtiva para que a prevención de riscos laborais sexa considerada como obxectivo primordial nun sector en alza e estratéxico para Galicia.