Venres, Setembro 14, 2012
A Xunta entrega os diplomas do curso de Prevención de Riscos Laborais a máis de 70 bombeiros galegos
A Estrada, 14 de setembro de 2012.- O director da Academia Galega de Seguridade Pública, José Carlos García Bouzas, e a directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), Adela Quinzá-Torroja, entregaron hoxe os diplomas dos cursos de Prevención de Riscos Laborais a máis de 70 bombeiros municipais e comarcais galegos.
Os bombeiros proceden de numerosos concellos tales como Cee, Santiago, Vigo, Arzúa, Coruña, Betanzos, Ferrol ou Arteixo, entre outros. Quíxose, mediante a selección de persoal procedente de diferentes vilas, darlle unha ampla cobertura territorial a esta iniciativa.
Os cursos realizáronse a distancia a través da plataforma de formación en liña da Agasp durante dous meses, e o seu obxectivo foi dar a coñecer aos profesionais os seus dereitos e obrigas en relación a seguridade e saúde no traballo, informar sobre os principais riscos laborais aos que están expostos e coñecer as principais medidas preventivas que poden adoptar os bombeiros para facer fronte aos perigos aos que están expostos no seu traballo e en particular en situacións de emerxencia e primeiros auxilios.
A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, lembrou hoxe que a intervención do instituto nesta formación ten que ver con que se trata dun órgano técnico en prevención de riscos laborais. Estes cursos intégranse na importante e crecente oferta formativa do ISSGA de 2012 para os colectivos de seguridade pública, tales como a policía autonómica, os voluntarios ou os concellos.
Quinzá-Torroja indicou que o ISSGA preocúpase por adaptar esta formación a cada un dos colectivos aos que se destina, cun deseño específico para dar resposta aos riscos que teñen na súa actividade diaria.
Así mesmo, lembrou que o ISSGA xa realizou, en colaboración coa AGASP, cursos de prevención dirixidos á policía autonómica así como a existencia dun convenio coa FEGAMP para poder achegarse ata o persoal de todos os concellos galegos, entre eles os corpos de policía local, para o desenvolvemento de cursos en 2013.