domingo, Xullo 17, 2022

A Xunta elixe Valdoviño para unha nova edición do curso en prevención de riscos laborais no ámbito forestal

  • O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) imparte desde mañá un curso gratuíto de tres xornadas para aumentar a seguridade no uso da motoserra e da rozadoira nas tarefas forestais
  • Estas dúas ferramentas atópanse entre as máquinas de traballo que maior sinistralidade ocasionan no sector forestal, estratéxico para a economía galega

Valdoviño (A Coruña), 17 de xullo de 2022. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), comeza mañá en Valdoviño (A Coruña) un curso para a prevención de riscos laborais no manexo seguro da motoserra e rozadoira. A formación impulsada impartirase durante as mañás en tres xornadas sucesivas de xeito gratuíto e para un máximo de quince alumnos.

O obxectivo desta nova acción formativa da Administración galega pasa por lograr a plena integración da prevención en todos os labores, procesos e actividades do ámbito forestal, desde antes do comezo do traballo ata a desmontaxe da maquinaria sen esquecer o seu mantemento e sistemas de seguridade. Deste xeito, o plan específico do Issga pretende instruír ás persoas traballadoras e profesionais do sector nunha cultura preventiva para diminuír os accidentes laborais nestas tarefas de especial risco ao tempo que se mellora a calidade do traballo.

O programa desta actividade céntrase no manexo seguro da motoserra e rozadoira, dúas das principais máquinas causantes de accidentes laborais no sector. Tamén se inclúen contidos sobre a vespa velutina ou o protocolo PAS (Protexer, Avisar e Socorrer). A formación complétase facendo fincapé na importancia da planificación das tarefas e a coordinación e comunicación entre as diferentes cuadrillas e empresas que comparten lugar de traballo.

As actividades terán un carácter principalmente práctico para achegarse o máximo posible á realidade diaria destes traballos. Unha das particularidades é que os contidos tamén estarán dispoñibles en romanés, pois hai un colectivo importante de persoas traballadoras dese país no sector.

A elección das sedes destas actividades do Issga vén motivada pola relevancia do ámbito forestal na zona e a alta demanda deste tipo de formación por parte dos profesionais do sector. Valdoviño acollerá unha nova edición tras o éxito das xornadas que se desenvolveron en Ortigueira a primeira semana de xullo. O ciclo de cursos sobre a prevención de riscos laborais no manexo seguro da rozadoira e motoserra pecharase na localidade ourensá de Esgos do 3 ao 5 de outubro.