Novas

Xoves, Marzo 26, 2026

A Xunta eleva este ano ata máis de medio cento as campañas de prevención de riscos, seguridade e saúde no ámbito laboral

Xerente ISSGA Comisión
  • A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, deu conta no Parlamento dos programas e accións que impulsa o organismo dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
  • Entre as novidades destacou a posta en marcha dun plan de choque ante a sinistralidade máis recorrente e o primeiro portal autonómico de España para reforzar a prevención de riscos laborais con nanomateriais, presentado recentemente
  • Salientou que se reforza a atención aos riscos psicosociais, ergonómicos e ás novas realidades do traballo, así como a protección fronte a axentes perigosos como o amianto ou a sílice cristalina
  • Explicou que as actuacións se enmarcan na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, dotada con preto de 56 M€, e no contexto da declaración de 2026 como Ano da Seguridade e Saúde no Traballo
     

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2026

O Plan de actividades do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) deste ano inclúe 17 novas campañas de prevención, ás que se suman 33 campañas de continuidade, así como programas específicos por riscos, sectores e colectivos, adaptados tanto aos riscos tradicionais como aos novos e emerxentes. Así o expuxo a xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja, na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, onde compareceu a petición propia para detallar os eixos e accións desta folla de ruta que busca reducir a sinistralidade laboral, mellorar a xestión preventiva dos riscos nos lugares de traballo e avanzar na promoción da saúde e do benestar laboral da poboación traballadora galega.

Unha das principais novidades ás que fixo referencia foi a posta en marcha dun plan de choque específico fronte aos accidentes recorrentes e ás situacións de risco que se manteñen no tempo, tomando como referencia os accidentes graves e mortais investigados nos últimos anos. O obxectivo é achegarse directamente aos lugares de traballo cun asesoramento técnico específico para evitar a repetición de sinistros por causas como caídas de altura, atrapamentos con maquinaria e caídas de escadas, entre outros. A esta actuación, engadiu Adela Quinzá-Torroja, súmanse as campañas específicas en actividades e sectores de maior risco e sinistralidade, como a construción, a industria, o forestal, a pesca, o sector agrario ou a montaxe e desmontaxe de escenarios, así como en actividades emerxentes como as ligadas á instalación de paneis solares.

Outra iniciativa que destacou é o primeiro portal autonómico de España para reforzar a prevención de riscos laborais con nanomateriais, presentado recentemente. Trátase dunha ferramenta dixital orientada á transferencia de coñecemento, á sensibilización e ao apoio técnico para a prevención dos riscos laborais asociados ao uso de nanomateriais nos diferentes sectores produtivos.

Riscos específicos e novos escenarios de traballo

A xerente do Issga, explicou ademais que a planificación deste ano tamén afianza o traballo en riscos psicosociais, ergonómicos e organizativos, prestando especial atención ao estrés laboral, o retorno ao traballo tras unha baixa, os factores psicosociais en sectores feminizados e o teletraballo, entre outros aspectos. Neste ámbito salientou o reforzo do Laboratorio de riscos psicosociais, desenvolvido coa Universidade de Santiago de Compostela. Xunto a isto, engadiu, intensifícanse as actuacións fronte á exposición a axentes perigosos, como o amianto ou a sílice cristalina respirable, entre outros, combinando campañas de sensibilización, asesoramento técnico e actuacións de comprobación e formación. Quinzá-Torroja sinalou que o plan inclúe tamén actuacións específicas dirixidas a colectivos como as traballadoras do servizo de axuda no fogar, para as que se desenvolverá formación e campañas sobre riscos biolóxicos, ergonómicos e psicosociais, así como medidas preventivas fronte á violencia externa no traballo.

Seis eixos de traballo e outras medidas

En relación ao contido desta folla de ruta, a titular do Issga explicou que o Plan de actuación 2026 se estrutura en seis eixos de traballo, con 13 obxectivos operativos e 75 fichas de actividade. Estes eixos, sinalou, están orientados a consolidar o Issga como órgano técnico de referencia en prevención de riscos laborais e promoción da saúde no traballo, reforzar a investigación e a análise da sinistralidade, desenvolver programas por riscos específicos e novos escenarios, actuar por sectores e colectivos, ampliar a formación e impulsar o benestar laboral.

En canto a outras medidas concretas do Issga, Quinzá-Torroja salientou a participación en 52 grupos de traballo técnicos de ámbito autonómico e estatal e indicou que están previstas arredor de 600 actuacións de comprobación das condicións de seguridade e saúde nos centros de traballo. Ademais, expuxo que a oferta formativa, mediante xornadas técnicas, cursos en liña e formación práctica dirixida a actividades de especial risco ou dificultade permitirá chegar a un mínimo de 4.500 persoas.  Con este traballo —e coincidindo ademais coa declaración do 2026 como Ano da Seguridade e Saúde no Traballo— dáse continuidade ao desenvolvemento da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, instrumento dotado de preto de 56 M€ para mellorar as condicións de traballo, reducir os accidentes e enfermidades profesionais e avanzar cara a contornas laborais máis seguras, saudables e sostibles.